O Apóstolo das Mulleres
As festas do Apóstolo 2018 reuniron preto de 80.000 persoas en Santiago de Compostela. Presentáronse baixo o selo 'Apóstolo das Mulleres' e durante 13 días celebráronse, na rúa e nos escenarios, con esa vocación primeira de feminizar os festexos e de “empoderar as artistas femininas, tantas veces esquecidas nos carteis”, segundo expresou a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.
A actriz compostelá Nerea Barros foi a encargada de inaugurar as festas coa lectura do pregón. Aquela noite achegáronse ao Obradoiro máis de 2.000 persoas. Ao nome da gañadora dun Goya por La isla mínima súmáronse os de outras moitas bandas e artistas femininas, compostelás, galegas e forasteiras: Bette Smith, Mercedes Peón, Guadi Galego, Rosalía, Mala Rodríguez, Cora Novoa, Jamila Purofilin, Voodoo, Oîma, Atrás Tigre, Marem Ladson, High Paw...
O Apóstolo 2018 tamén foi o das Mulleres pola defensa da igualdade, o respecto e a reivindicación de Compostela como cidade libre de violencias machistas.
Cunha ducia de consellos para a festa, tamén en clave de xénero
“Nada xustifica unha agresión machista. Vistamos como vistamos, liguemos como liquemos... Temos dereito a ser a desfrutar en igualdade e sen ser acosadas.”
Co Concerto do Territorio das Mulleres
Por terceiro ano consecutivo celebrouse na praza 8 de Marzo. MounQup, Rapariga DJ e Batuko Tabanka reuniron 2.000 persoas.
Cun Punto Lila de información, acompañamento e atención sobre violencias sexuais no Toural
Dende este espazo, coordinado polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Santiago co apoio dun equipo de psicólogas especialistas en violencia de xénero, atendéronse 2.500 consultas e distribuíronse preto de 10.000 dípticos con información abonda en galego, castelán e inglés sobre que facer, como actuar e a quen chamar en caso de presenciar un acto de violencia machista ou ter que auxiliar unha vítima de violencia machista.