Novas propostas ao redor das mulleres dentro de "Á escena! Temporada de artes escénicas 2020"
Dentro da nova temporada de artes escénicas para o 2020 da Concellaría de Acción Cultural hai un extenso territorio das mulleres onde o público poderá atopar novas propostas de creadoras e intérpretes e temáticas que abordan problemáticas sociais de máxima actualidade como a opresión exercida sobre as mulleres diariamente, a violencia machista e, en xeral, a falta de liberdades.
Así pois, baixo a liña temática de Compostela, Territorio das Mulleres, ao longo dos vindeiros meses poderemos gozar das propostas de Teatro do Atlántico con "A conquista da escola de Madhubai", El Pavón Teatro Kamikaze con "Jauría", Marelas Producións con "Liberto", Unahoramenos con "Ana, también a nosotros nos llevará el olvido", ou a "Mrs.Dalloway" de Entrecajas. Así mesmo, o Leira de Nova Galega de Danza dialogará co Erritu de Kukai Dantza, unha oportunidade de ouro para poder contrastar como as danzas tradicionais e populares se entremesturan coa danza contemporánea en Galicia e no País Vasco. A relación da música co movemento está presente en Directo9, de Pisando Ovos, e Mercedes mais eu, de Janet Novás e Mercedes Peón, dúas reflexións sobre a música, os corpos e a creación dende a vangarda absoluta feita en Galicia.
Estas pezas enmárcanse na programación de Á escena! Temporada de artes escénicas 2020 para o primeiro semestre deste ano no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal.
O programa faise en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC-Xunta de Galicia e cos programas Platea e Danza a Escena do INAEM-Ministerio de Cultura, ademais de co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago.
As entradas para todos os espectáculos están xa á venda na web compostelacultura.gal, así como no despacho de billetes do Teatro Principal (que abre de martes a sábado + días de evento de 18:00 a 21:00 h, ou dende 1 hora e media antes de que comece o espectáculo) e no do Auditorio de Galicia (dende 1 hora e media antes de que comece a función). O prezo das entradas é de 10, 12 ou 14 € (cos descontos habituais do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, menores de 25 anos, estudantes e membros de familias monoparentais ou numerosas). Para os 5 espectáculos que se enmarcan dentro da programación infantil e familiar, o prezo será de 4 euros a entrada xeral, existindo un Bono familiar mediante o cal se adquiren 4 entradas a 12 euros.