• Obradoiros en Busto

Nova quenda de obradoiros de empoderamento das mulleres do rural

17 de Outubro de 2018
por: TM

A seis parroquias de Compostela chegarán este curso os novos obradoiros de empoderamento para as mulleres do rural, xunto cos obradoiros da risa. Estes encontros veñen a completar o traballo que están a realizar de xeito transversal a Concellaría de Igualdade e de Medio Rural, achegando recursos e actividades ás mulleres do rural compostelán. A nova quenda de cursos amplían e cubren as necesidades detectadas durante a execución da primeira quenda de obradoiros de empoderamento e dan cumprimento aos obxectivos contemplados no Plan de Igualdade Municipal 2017-2020.

O obxectivo destes obradoiros é facilitar ás mulleres da área rural de Compostela ferramentas para o empoderamento individual e colectivo. Partindo do coñecemento previo da realidade e das necesidades detectadas, ademais de traballar os contidos da anterior edición, incorporarase un módulo específico sobre a prevención da violencia de xénero, así como unha posterior gravación coas intervencións das mulleres participantes. Desta forma, artellarase unha estratexia de intervención baseada na prevención (a través dos coñecementos adquiridos nas sesións) e na sensibilización (mediante a difusión do material audiovisual creado polas participantes). Chegarán a Marrozos (do 24 de outubro ao 21 de novembro), Marantes (do 25 de outubro ao 29 de novembro) e Grixoa (do 26 de outubro ao 23 de novembro) en horario de tarde. A inscrición é gratuíta no correo mposeo@gmail.com.

Ademais dos obradoiros de empoderamento, o Concello impulsa uns obradoiros da risa no rural que deron comezo onte da parroquia de Verdía. Desenvolveranse os días 16, 23 e 30 de outubro en Figueiras, os días 22 e 29 de outubro en Verdía e o 19, 26 de outubro e 2 de novembro en Bando.

Diagnose previa
No ano 2015, a Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago elaborou un informe diagnóstico participativo sobre a realidade e as condicións de vida das mulleres compostelás no que se recollía que o rural compostelán, malia ser un espazo amplo (demográfica e territorialmente), seguía a ser descoñecido para a poboación, e a atención ás necesidades das mulleres rurais catalogábase como escasa.

Por iso, as concellarías de Medio Rural e de Igualdade elaboraron e impulsaron o programa Vida propia, que conseguiu chegar ás parroquias do Eixo, Enfesta e Villestro durante o 2016. O ano pasado impulsáronse os obradoiros de empoderamento no rural, que colleron o relevo deste primeiro programa. Así, as parroquias de Busto, Lavacolla, Laraño, Aríns e Santa Cristina de Fecha acolleron durante os meses de marzo, abril e maio varias sesións destes obradoiros, nos que participaron preto de 50 mulleres.

O obxectivo desta actividade era rachar cos estereotipos de xénero e crear un espazo de convivencia e intercambio de experiencias entre as mulleres de diferentes parroquias. Co desenvolvemento destes obradoiros creouse conciencia na sociedade sobre as situación de desigualdade e discriminación das mulleres, facilitándolles a estas ferramentas para o empoderamento individual (a través das diferentes dinámicas de traballo) e para o empoderamento colectivo (fomentando a creación de redes e a participación social).