Lánzase a campaña "Se non mercas, non hai trata"

18 de Outubro de 2021

O Concello de Santiago conmemora o Día Europeo contra a Trata coa campaña Se non mercas, non hai trata que informa e sensibiliza sobre esta realidade, tan próxima como invisible, que atenta contra o dereito á vida, á dignidade, á integridade física e psíquica, a seguridade e a liberdade de millóns de persoas en todo o mundo.

As vítimas de trata viven diferentes formas de engano, abuso, sufrimento e explotación, e vense reducidas á condición de simple mercadoría, propiedade doutras persoas, enfrontadas ó inferno dunha vida de traballo forzado, explotación sexual e prostitución.

A ONU calcula que a trata afecta a máis de 2,4 millóns de persoas no mundo, das que 2/3 son mulleres e o resto, menores. Moitos homes en España recoñecen ter mercado mulleres explotadas sexualmente. Esta campaña diríxese a eles: se eles non mercasen, non habería trata.

Persoal especializado presentou a campaña ao longo de todo o día na praza do Toural.