III Encontro de mulleres do rural

2 de Xullo de 2021

O campo da festa de Figueiras acolleu o venres 2 de xullo o III Encontro de mulleres do rural ao que asistiron as participantes do programa Reencontros nas parroquias.

Neste programa, impulsado pola Concellaría de Igualdade, desenvolvéronse diversas actividades ao aire libre (andainas, obradoiros de risoterapia, obradoiros de autocoidados) que serviron para tecer redes de apoio entre as mulleres, imprescindibles para afrontar as secuelas que a crise sanitaria da COVID 19 deixou nas súas vidas.

Neste encontro interparroquial, as participantes compartiron as súas reflexións sobre as desigualdades de xénero e a necesidade do apoderamento individual e colectivo das mulleres a través de diferentes linguaxes artísticas (música, teatro, baile...). A enerxía que produce a oportunidade de xuntarse de novo é un cántico á vida e á alegría, a mellor ferramenta para rachar co illamento, a tristeza e a soidade despois da pandemia. Como broche final do evento, preestreouse a peza documental Esperanza na que elas son as protagonistas narrando como transcorreu a súa vida desde que se decretou o estado de alarma até a actualidade.