Doce entidades contarán con axudas municipais para o fomento da igualdade
A Xunta de Goberno aprobou conceder as subvencións a entidades que realicen actividades a favor da igualdade entre homes e mulleres, e de prevención e loita contra a violencia machista. En total son 12 as asociacións as que acceden ás axudas nesta oitava convocatoria, que aumentou a partida orzamentaria por segundo ano consecutivo, pasando dos 20.000 aos 27.000 euros. O número de solicitudes tamén se viu incrementado sendo mostra do interese das entidades en manter o seu compromiso ao longo do tempo, mais tamén grazas aos cambios no enfoque das axudas ampliado a todas aquelas asociacións que leven adiante proxectos de igualdade como pode ser o exemplo do Hockey Club Raxoi, que pretende iniciar un programa de igualdade entre homes e mulleres nun deporte ata o de agora masculinizado.
As asociacións beneficiadas coas subvencións para proxectos de igualdade entre homes e mulleres e a loita contra a violencia machista son:
- Asociación Veciñal e Cultural Brañas de Andrés.
- Asociación de Mulleres Nacionalistas.
- Asociación de Viúvas Rosalía de Castro.
- Asociación de Veciños Camiño de Santiago.
- Asociación de Persoas Xordas de Santiago.
- Hockey Club Raxoi.
- Plataforma Feminista Galega.
- Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia.
- Asociación para a Promoción e Integración das Mulleres Galegas do Rural.
- Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia.
- Sindicato Labrego Galego.
- Fundación Autismo de Galicia.
Entre as actividades que desenvolverán figuran obradoiros de empoderamento e de visibilización da muller en ámbitos ata o de agora exclusivamente masculinos, ou cursos integrais para mulleres.