"Combina, móvete, empodérate!": a Semana da Mobilidade máis feminista
Este venres comezan as actividades da Semana da Mobilidade, baixo o lema "Combina, móvete, empodérate!". A programación está deseñada con dous obxectivos: fomentar o uso dos modos brandos de transporte e repensar a mobilidade dende a perspectiva de xénero. Os concelleiros Jorge Duarte e Marta Lois afondaron hoxe nas propostas dos vindeiros días, que "abordan a mobilidade e mesmo o urbanismo dende a óptica feminista".
A concelleira de Igualdade incidiu en que "o desenvolvemento das políticas públicas locais debe ter sempre mirada de xénero, e quixemos aproveitar esta semana para establecer un marco de reflexión sobre como debemos construír o espazo público tendo en conta ás mulleres e as súas necesidades". Trátase, apuntou Marta Lois, de "introducir o concepto de xustiza de xénero no marco do espazo, porque o urbanismo adoita traballar con datos a grande escala sen pararse nas necesidades particulares".
Conferencias desde a óptica feminista
A Semana da Mobilidade inclúe un ciclo de conferencias no que se vai debater sobre mobilidade e urbanismo dende a óptica feminista. Será ás 19:30 horas na Casa das Mulleres Xohana Torres a primeira charla-debate, o próximo luns, 24, coa participación de Alexia Canto, responsable da Oficina de Mobilidade da Área de Ecoloxía Urbana e Mobilidade Sostible do Concello de Iruña-Pamplona. Alexia Canto, galega asentada en Navarra, vén traballando na última década no urbanismo e na mobilidade con perspectiva de xénero, con referentes como Jane Jacobs, Isabela Velázquez, o Colectivo Punt-6 ou Hiria Kolektiboa. É unha gran defensora da utilización da bicicleta como medio de transporte no ámbito urbano, e sostén que o modelo urbano actual exclúe a poboación que non utiliza o coche para desprazarse.
A segunda das charlas do ciclo será o xoves 4 de outubro. Estará protagonizada por María Novas, graduada en Arquitectura pola Universidade da Coruña, Máster en Restauración e Rexeneración Urbana e Máster en Investigación en Estudos Feministas, de Xénero e Cidadanía. Participa ademais no colectivo "Dexenero", co fin de achegar a perspectiva de xénero e a crítica feminista á arquitectura e á sociedade. Sobre a relación entre arquitectura e xénero versou o seu traballo fin de máster para a obtención do título de Máster Universitaria en Investigación Aplicada en Estudos Feministas, de Xénero e Cidadanía. O seu traballo trata de revisar como a teoría da arquitectura condiciona culturalmente os diferentes grupos sociais, e como as desigualdades de xénero están presentes tamén nesa profesión.
O ciclo completarase cunha charla-debate coa propia concelleira de Igualdade, Marta Lois. Será o martes 9.
Ciclo de cinema feminista e roteiro "A Compostela das Mulleres"
O programa da Semana da Mobilidade inclúe tamén dúas proxeccións de cine, con películas que abordan o tema da mobilidade dende unha perspectiva feminista. Os filmes foron seleccionados para mostrar que as necesidades en materia de mobilidade cambian segundo os grupos sociais, pero sobre todo en relación ao ámbito xeográfico e cultural. As sesións serán no Museo das Peregrinacións, da praza de Praterías, ás 20:00 horas.
A primeira película que se poderá ver, o mércores 26, será Ovarian Psycos. Trátase dun filme dirixido por dúas mulleres do cine independente, Joanna Sokolowski e Kate Trumbull-LaValle, que mostra as mulleres dun colectivo feminista do leste de Los Ángeles confrontando a violencia que as rodea e utilizando as bicicletas como medio para facelo. A segunda proxección será a de O Cairo, 678, dirixida por Mohamed Diad. O filme conta a historia real de tres mulleres exipcias, vítimas de acoso sexual, que acordan defenderse polos seus propios medios sen agardar a protección das autoridades. A película poderase ver o mércores 10 de outubro.
Antes, o venres 28 de setembro, está previsto dentro da programación da Semana da Mobilidade o roteiro a pé "A Compostela das Mulleres". O punto de encontro será a praza 8 de Marzo, ás 20:00 horas.