As pétalas murmuran, de Arantxa Lamas Ponte, faise co premio Xohana Torres

8 de Marzo de 2022

O Concello de Santiago celebrou hoxe o Día Internacional da Muller cun acto institucional no que o alcalde e representantes dos grupos municipais que integran a Corporación deron lectura a un manifesto e co fallo do premio Xohana Torres, que recaeu na curtametraxe "As pétalas murmuran" de Arantxa Lamas Ponte, quen recibiu o galardón dotado con 2.500 euros. Da obra gañadora, o xurado destacou a "mirada que se traslada a través dos efectos migratorios, o seu simbolismo e o encaixe das personaxes nas diferentes etapas e capítulos que lle da sentido ao relato no seu conxunto, destacando e poñendo en valor o talante intimista e a sensibilidade da obra". Na modalidade de ensaio, o premio quedou deserto. Ricardo Rivera foi o encargado de ler a acta do xurado e a propia concelleira desvelou o nome da gañadora. O alcalde cerrou o acto reivindicando a figura de Xohana Torres e o premio que leva o seu nome, instaurado no Concello en 1993.

No marco dos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller, a praza de Obradoiro acolleu esta mañá ás 11:30, a lectura dun manifesto que abriu a concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, seguida polas intervencións das voceiras do BNG, Goretti Sanmartín, e de Compostela Aberta, Marta Lois, e con peche a cargo do alcalde de Santiago, Xosé S. Bugallo. Con esta declaración pública, os membros da Corporación municipal quixeron transmitir a "solidaridade do Concello de Santiago coas mulleres que por mor da agresión bélica, volven ser vítimas por partida dupla: pola maior exposición a agresión sexuais e pola sobrecarga de traballo", e tamén con aquelas que son vítimas dos delitos sexuais e calquera tipo de violencia.

Ao longo da lectura tamén se reiterou o "compromiso desde o Concello de Santiago coa defensa dos dereitos das mulleres e co obxectivo de que ocupen o lugar que lles corresponde" e o papel relevante da corporación municipal "na construción social en igualdade pola súa capacidade para chegar aos corazóns e ás conciencias, cimentos estes máis determinantes no comportamiento".