"Artellando feminismo" concentra máis de quince accións ao redor do 8M, Día Internacional das Mulleres

27 de Febreiro de 2020
por: TM

Concertos, poesía, conferencias, cine e conversas centran as accións encamiñadas a reivindicar e festexar o Día Internacional das Mulleres, pero sobre todo a concienciar contra a violencia machista desde as idades máis temperás. Todas as actividades programadas son de balde e poden consultarse na web artellandofeminismo.gal. Ademais, desde o Concello anímase á cidadanía a "sumarse aos numerosos actos e reinvidicacións que haberá ao longo do propio domingo 8 de marzo" e a acudir á manifestación da noitiña.

 

A concelleira de Igualdade, Noa Díaz, presentou hoxe o programa deseñado desde o seu departamento para este 8 de marzo, que leva o lema "Artellando feminismo". "Só desde o feminismo podemos conseguir a igualdade", afirmou. Con xa trece mulleres vítimas da violencia machista no que vai de ano, a concelleira asegurou que "segue facendo falla celebrar días da muller porque nos están matando precisamente por ser mulleres" e reclamou "máis recursos públicos desde todas as institucións e máis esforzo á sociedade porque todos e todas estamos fracasando no propósito de loitar contra a violencia machista".

O programa comeza mañá no IES Antón Fraguas, cunha actividade de concienciación, dirixida ao alumnado, contra a violencia de xénero nas súas diversas manifestacións. No acto proxectarase unha peza da cineasta Jaione Camborda, centrada no control e nas redes sociais.

Xa na primeira semana de marzo, o xoves 5, a Casa das Mulleres Xohana Torres acollerá unha mesa redonda sobre o Acceso das mulleres á vida pública, moderada pola propia concelleira, coa participación de Cristina López, Clara Cordeiro e Antía Yáñez, tres mulleres vencelladas ao mundo do deporte, da cultura e da literatura, respectivamente.

A cantora e activista militante feminista Bia Ferreira, chegará desde o Brasil para dar un concerto na sala Riquela o día seguinte, o venres 6. A entrada será libre até completar aforo.

O luns 9 farase público o fallo do premio Xohana Torres da edición de 2019 no Salón Vermello da Casa do Concello, un acto que enlazará co MÜFEST, Festival de Cine feito por Mulleres organizado pola Asociación Andaina e coa colaboración do Concello de Santiago, con proxeccións, conferencias e obradoiros que terán lugar entre o 10 e o 14 de marzo.

O sábado 14 no centro sociocultural das Fontiñas haberá unha xornada dirixida á xente máis miúda, "Coeducación na infancia", impartida por Aixa Permuy. A xornada distribuirase en tres quendas tendo en conta a idade dos nenos e nenas participantes, co obxectivo de adecuar as actividades a cada etapa madurativa. As inscricións poden facerse a través da web artellandofeminismo.gal, por mor do aforo. Nesta mesma web pode consultarse toda a programación específica para este 8M.

Conversas e poesía

Soledad Muruaga falará o 17 de marzo sobre os "Malestares de xénero e as consecuencias na saúde das mulleres" na Facultade de Filosofía. A concelleira de Igualdade resaltou a importancia desta actividade, que ten en conta que "quizais non estamos prestando a atención que merecen os cambios que experimenta o noso corpo a nivel de saúde e é preciso romper con algúns mitos que aínda existen".

O mércores 25 ás 21:00 será o turno da poesía. "Elas falan" é o recital de poesía cantada que a poeta Eva Veiga ofrecerá no Auditorio de Galicia e que homenaxea grandes figuras da poesía galega e mundial.

De volta na Casa Xohana Torres o profesor Jorge Marín falará dos "Micromachismos e novas masculinidades: o feminismo que (de)constrúe", de cara a fomentar a autocrítica, sobre todo masculina, imprescindible "para conquerir o cambio que queremos" sinalou Noa Díaz. A mesma Casa das Mulleres acollerá as charlas "(Des)aprendendo a construír estereotipos de xénero" e "Sexualidade feminina", que impartirán Ana Torres Jack e Martina González Veiga o 28 de marzo, destinadas a mulleres de todas as idades, tratarán de reflexionar sobre os estereotipos e potenciar a creación dun espazo de auto-coñecemento e reflexión ao redor da sexualidade das mulleres.

Antes, o venres 27, celebrarase o III Encontro de mulleres do rural no centro sociocultural de Figueiras, que reunirá a todas as participantes dos obradoiros de apoderamento e igualdade que se están a impartir en diversas parroquias do rural compostelán.

A prostitución, no punto de mira

O programa exténdese ao mes de abril centrado "nunha das violencias machistas máis extremas como é a prostitución", explicou a concelleira. Así, o xoves 16 a cineasta e actriz Mabel Lozano presentará no Auditorio de Abanca a proxección de El Proxeneta.

Finalmente, para pechar o programa deste 8M, Amelia Tiganus, ex prostituta e activista abolicionista, fará un percorrido pola orixe e a historia da prostitución, reflexionando sobre os seus perigos na charla "Prostitución: unha ollada desde dentro" no IES Rosalía de Castro o mércores 29.