Alumnado dos centros educativos de Compostela, tamén en contra das violencias machistas
As e os protagonistas da concentración e lectura do manifesto institucional do 25N, Día internacional contra a violencia machista, foron sen dúbida os nenos e as nenas e a rapazada dos centros educativos composteláns que se animaron a expoñer traballos escritos e pezas audiovisuais ao redor desta problemática, no marco do certame convocado pola Concellaría de Igualdade. Así, catro alumnas do IES Rosalía de Castro –Nuria Rodríguez, Candela Álvarez, Sofía O’Donell e Carlota Curra- leron, respectivamente as cartas "A unha irmá morta por violencia de xénero"; "Dunha rapaza a ela mesma no futuro", "Poema a unha amiga, vítima de violencia de xénero" e "A un maltratador".
Pola súa banda, Alba Fiaño e Ánxel Varela, do CEIP Roxos, leron un texto sobre a creación do vídeo "Micromachismos", e alumnado do CEIP Pío XII recitou o poema "Para un mundo sen violencia, un poema que o defenda". Seguiron Iria Vázquez, do IES Xelmírez I, para falar sobre o vídeo "Violencia de xénero", e tres alumnas do CPR Vilas Alborada (Carla García, Sofía Novais e Mara García) leron o poema "Xa me cansei". Finalmente, escolares deste mesmo centro protagonizaron unha actuación musical conxunta baixo o título "Contando lunares".