A MICE presenta a programación da súa 17 edición co foco posto nas cineastas da Europa do leste
Esta mañá tivo lugar no Museo do Pobo Galego a presentación oficial da 17 edición da Mostra Internacional de Cinema etnográfico, que se celebrará en Santiago de Compostela do 28 de marzo ao 2 de abril arredor dunha temática centrao, o mundo do traballo, e co foco posto nas cineastas da Europa do leste grazas á sección Impropias, que nesta ocasión está comisariada pola programadora búlgara Mariana Hristova. Durante a rolda de presentación proxectouse que peza que fixo a cineasta Sol Mussa para a MICE e inaugurouse a exposición Coreografías do facer: O traballo feminino nos fondos Henningsen, con fotografías que o folclorista, antropólogo histórico e investigador dinamarqués Gustav Henningsen fixo durante un traballo de campo en Galicia, entre 1964 e 1968 e que estará exposta até o 1º de maio.
A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, destacou na presentación a "capacidade da MICE para poñer o foco nos conflictos que aínda que, lonxanos, nos están afectando de xeito directo" e recoñeceu o grande interese das seccións paralelas do Festival, Trazas, Impropias, e Lindes, que lle dan á MICE un "estatus moi competitivo con respecto a outros festivais". Mercedes Rosón tamén agradeceu a colaboración do resto de patrocinadores, e animou a todo o mundo a que participe nesta edición.
A directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira, debullou as claves desta 17 edición, que este ano está dedicada ao traballo, "un traballo que vai alén do laboral porque se transformou o xeito no que nos relacionamos con el e que se toca dun xeito transversal en todas as actividades do festival". Estévez Lavandeira comentou, ademais, que "a MICE sempre tivo moito interese no cinema da Europa do Leste. entre os contidos desta edición, a ollada programada sobre el na sección Impropias, ten un especial interese dada a actualidade, xa que o triste episodio que estamos vivindo en Europa pon, se cabe máis no foco, a realidade sociopolítica deste territorio". Finalmente, Ana Estévez Lavandeira lembrou que, un ano máis se conseguíu unha representación feminina do 50% dos máis de 30 filmes que se poderán ver nesta 17 edición.
Presentámosvos, a continuación, un percorrido feminista pola programación da MICE, mesturando as pezas das seccións oficiais coas seccións non competitivas (Trazas, Lindes e Impropias), para favorecer a orde cronolóxica. Recomendámosvos explorar a web da mostra para obter información máis detallada, tamén, sobre a recollida de entradas.
Martes 29
A VIRXE ROXA. ÁS 16H30 NO MUSEO DO POBO. Proxección e encontro co director [Lindes]
94′ | Galicia | 2021 | Dirección: Marcos Nine
O 9 de xuño de 1933, un crime convulsionou a opinión pública española: Aurora Rodríguez Carballeira matou a tiros a súa propia filla, Hildegart, unha brillante e reputada intelectual, mentras esta durmía. A moza, con só dezaoito anos, era unha das mulleres máis destacadas da Segunda República española. Publicou varios libros sobre educación sexual e o papel da muller na sociedade moderna, foi xonalista e membro do partido socialista. Mais tamén era un produto perfectamente calculado e deseñado pola súa nai para que fose a liberadora da muller. Os plans de Aurora non saíron como estaban previstos.
PARAÍSO [El síndrome de los quietos]. ÁS 18H30 NO TEATRO PRINCIPAL [SO Internacional]
2021 | 22′ | España | Dirección: Marina Lameiro, Maddi Barber
Dous homes miden a altura dos piñeiros. Unha muller escoita o que as árbores din. Os nenos e nenas do lugar montan tendas de campaña. Unha nube de puntos dixital revela o bosque. Os piñeiros dixeron que podemos preguntar. Sempre chamaron a ese lugar «o Paraíso». Pronto virán as máquinas.
O NECEM JINEM [Falemos doutra cousa]. ÁS 20h30 NO TEATRO PRINCIPAL [Trazas]
90’ | 1963 | Checoslovaquia | Dirección: Vera Chytilová
En 1963 Věra Chytilová debutou con esta longametraxe na que intercala dúas narrativas aparentemente opostas: as historias de dúas mulleres de trinta e poucos que nunca se coñeceron pero que, en distintos niveis, teñen que lidiar cunha problemática similar. Esta narración paralela segue a crise matrimonial dunha ama de casa e a crise profesional dunha deportista olímpica.
Mércores 30
MY PIECE OF THE EARTH. ÁS 18H30 NO TEATRO PRINCIPAL. [SO Internacional. ESTREA EN ESPAÑA]
2019 | 54’ | Xeorxia | Dirección: Maka Gogaladze
“O colapso da Unión Soviética provocou cambios rápidos e radicais na miña cidade, Tiflis, capital de Xeorxia, aos que seguiu un incendio na miña casa. A desaparición de todos os meus recordos levoume á alienación. Tomando a cámara e percorrendo os restos incendiados da miña casa, os vellos espazos do meu barrio, todo o que se refire á miña infancia e o que sobreviviu, tento reunir os artefactos da miña historia persoal e preservar a miña memoria, que reflicte a memoria emocional colectiva de Xeorxia.“ Maka Gogaladze.
SUNNY/MZIURI. ÁS 20h30 NO TEATRO PRINCIPAL [Impropias]
67 minutos | 2021 | Xeorxia | Dirección: Keti Machavariani
En Tiflis, un investigador realiza unha enquisa social polos barrios da cidade para ofrecer unha visión única desde o interior dos fogares. O que ao principio parece unha simple historia baseada nunha serie de preguntas e respostas, rapidamente se converte nunha película que resoa con forza a voz dunha sociedade en transición. O enfoque desarmante e paciente de Sunny permítelle aventurarse na psique do país, onde desentraña a humanidade que se atopa no corazón desta nación pouco coñecida do Cáucaso Sur. Cun ton sutil pero claramente estilizado, Sunny capta intimamente unha Xeorxia postsoviética que se desprende do seu pasado e que aos poucos se vai facendo a si mesma.
LES PROSTITUÉES DE LYON PARLENT. ÁS 22h00 NO TEATRO PRINCIPAL [Trazas]
46 minutos | 1975 | Francia | Dirección: Carole Roussopoulos
O documental recolle o momento, en xuño de 1975, cando unhas duascentas prostitutas ocupan a igrexa de Saint-Nizier en Lyon. Falan da súa vida persoal, da súa relación coa sociedade, das súas condicións laborais e do que queren. Declaran como mulleres e nais, e esixen que se poña fin ao acoso policial, fiscal e social que lles afecta. Fóra da igrexa, monitores de vídeo transmiten as discusións para os transeúntes, na súa maioría homes.
Xoves 31
Seminario de Mariana Hristova en CO(M)XENERO 6 ÁS 16h00 NA FACULTADE DE XORNALISMO DA USC
Nesta edición, Mariana Hristova, que comisaría a sección Impropias, impartirá un seminario na facultade de Xornalismo, sobre a selección que realizou para esta décimo séptima edición da MICE. Convidoúselle como experta en cinema subrepresentado e a cinematografía dos Balcanes e do Leste cando aínda non se contemplaba un conflito como o que está a vivir Europa agora mesmo. O certo é que dadas as circunstancias é unha persoa cunha ollada que, nestes intres, e a través do cinema, pode resultar dobremente interesante. Co Grupo de estudos audiovisuais da USC e A Cuarta Parede.
PRYVOZ. CONTOS DUN MERCADO. ÁS 18H30 NO TEATRO PRINCIPAL. [SO Internacional. ESTREA EN ESPAÑA]
2021 | 72′ | Ucraína | Dirección: Eva Neymann
A película documenta a vida dun dos mercados máis antigos e extensos de Europa, o mercado de Pryvoz en Odesa: a paixón que latexa a ambos os dous lados do mostrador, os soños dos mozos (e non tan mozos) que se ocupan da carga e descarga das mercadorías, as fantasías secretas das vendedoras de peixe. Gardas de seguridade e rexentes de postos de mercadillo comparten as súas reflexións sobre o universo e o sentido da vida. Unha película que combina pasado, presente e futuro, “o peso xusto” dos produtos e xenerosas racións para degustar. Todas as clases sociais están representadas neste mercado de Pryvoz.
HEAT SINGERS. ÁS 20h30 NO TEATRO PRINCIPAL [Impropias]
63 minutos | 2019 | Ucraína | Dirección: Nadia Parfam
Durante moitos anos, Ivan Vasyliovych foi o líder sindical de IvanoFrankivskTeploKomunEnergo, unha empresa de calefacción municipal no oeste de Ucraína. A súa obra maxistral é o coro sindical de mecánicos, reparadores, despachadores, contadores e outros empregados. Ivan Vasyliovych está moi orgulloso dos seus logros creativos, pero tamén lembra que “o quecemento é o primeiro, e só entón cantamos!”. O horario dos ensaios debe organizarse arredor da “temporada de calefacción”. Mentres o colectivo trata de arranxar as antigas canalizacións, os clientes están a bombardear o servizo de atención directa. É posible quentar os seus radiadores fríos co poder da canción popular ucraína?
THE HOPE FACTORY. ÁS 22h00 NO TEATRO PRINCIPAL [Impropias]
102 minutos | 2014 | Rusia | Dirección: Natalia Meshchaninova
A cidade industrial de Norilsk, no norte de Siberia, é un dos lugares máis contaminados do planeta. Aquí é onde Natalia Meshchaninova ambienta a súa película de título irónico. A vida neste pobo de mala morte no interior do Círculo Polar Ártico non ten moito que ofrecer á xente nova. A protagonista da película, Svyeta, é consciente diso. Achégase os seus décimo oitavo aniversario e a idea de pasar o resto dos seus días na cidade que a viu nacer é, como mínimo, pouco atractiva. Meschchaninova debutou con este drama convincente e realista, usando unha cámara en man e cun impresionante guión apoiado nas meticulosas interpretacións.
NEITI AIKA. DENDE O XOVES 31 ATA O 2 DE MARZO, EN LIÑA [Mellor Filme 16 MICE]
2020 | 60’ | Finlandia | Dirección: Elina Talvensaari
Sirkka-Liisa Miettinen foi unha muller que morreu soa aos 98 anos. A directora Elina Talvensaari mercou o seu apartamento con todo o que posuía, desde libros até fotografías. Non había ninguén, nin parentes nin amigos, que viñesen buscalos e Elina non quería tirar estas posesións. Significaría erradicar os últimos sinais da vida de Sirkka-Liisa. Elina decidiu lembrar á muller.
Venres 1
ROOM WITHOUT A VIEW. ÁS 18H00 EN NUMAX. [SO Internacional. ESTREA EN GALICIA]
2020 | 73’ | Alemaña/Austria | Dirección: Roser Corella
Un relato da terrible realidade das traballadoras domésticas estranxeiras en países de Oriente Medio Oriente Medio, como o Líbano. Ao combinar unha multitude de perspectivas, ofrece unha visión íntima da vida privada das persoas empregadoras, axentes e empregadas domésticas. Desde o marco legal que crea unha estrutura de poder que propicia e os abusos coas empregadas até a esfera privada da casa onde se reproduce o patriarcado sobre as mulleres libanesas, expóñenese as formas modernas de escravitude, reflexionando sobre o papel das mulleres e o traballo doméstico nas sociedades capitalistas.
TRANSNISTRA. ÁS 18h30 NO TEATRO PRINCIPAL [Impropias]
40 minutos | 2019 | Suecia – Dinamarca – Bélxica | Dirección: Ana Eborn
Un grupo de mozas e mozos pasan dun verán sufocante e despreocupado a un inverno implacable no autodenominado estado de Transnistria, onde a bandeira nacional aínda mantén o martelo e a fouce.
NACIÓN. ÁS 19H NO MUSEO DO POBO. Proxección e encontro coa directora [Lindes]
92′ | Galicia | 2021 | Dirección: Margarita Ledo Andión
A fábrica galega de louza Pontesa pechou en 2001. Vinte anos despois, á espera de sentenza sobre a súa reclamación de débeda pendente, un grupo de traballadoras lembra o símbolo da súa liberdade individual, a súa emancipación económica e a súa loita sindical. Nieves, Ester, Manuela, Carmen P. e Carmen A. manteñen viva a pelexa polos dereitos da muller na España do século XX. A historia das súas vidas desprégase en presenza da esfinxe: reclama a memoria das operarias do téxtil, a louza e a conserva e anuncia voces e arquivos que engarzan tempos e corpos diferentes. Traballar sen cobrar? Iso nin falar.
Sábado 2
HOLIDAYS. ÁS 18h30 NO TEATRO PRINCIPAL [Impropias]
52 minutos | 2005 | Rusia | Dirección: Marina Razbezhkina
Os nenos e nenas mansi nun internado na pequena vila rusa Ivdel esperan con impaciencia as vacacións de inverno. Esperan volver ao seu pobo natal, onde non hai televisión nin videoxogos. Tárdase un día enteiro en chegar á súa cidade natal, a través de bosques e campos nevados, pero non hai lugar como o fogar. Na casa poden montar en zorra, saltar desde o teito á neve e xogar ás cartas coa avoa. As vacacións de inverno son un pequeno cambio para as nenas e nenos da cidade. Decidirán regresar?
A Gala de entrega de premios das seccións oficiais terá lugar o sábado 2 de abril ás 20h30 no Auditorio do Museo do Pobo Galego.