A IV edición do Mufest proxectará 18 filmes realizados por mulleres do 10 ao 14 de marzo
O Mufest. Festival de Cine Feito por Mulleres, alcanza a súa cuarta edición despois de varios anos sen celebrarse. A cita é do 10 ao 14 de marzo no Museo das Peregrinacións e no Teatro Principal, onde se proxectarán os 18 filmes da Selección Oficial, elixidos entre os 627 presentados a esta edición, procedentes de 50 países.
Este IV Mufest enmárcase na programación de Artellando feminismo da Concellaría de Igualdade, con motivo da celebración do Día Internacional das Mulleres este 8 de marzo e está organizado pola Asociación cultural Andaina de Mulleres, co apoio do Concello de Santiago.
Dos 18 filmes que se proxectarán da Selección Oficial, catro serán longametraxes documentais e 14 curtas. Exhibiranse no Museo das Peregrinacións (10, 11 e 14 de marzo) e no Teatro Principal (12 e 13 de marzo). Este último recinto acollerá o venres 13 de marzo a cerimonia de entrega de premios.
O xurado, integrado por cinco mulleres escollerá catro dos premios do Mufest: mellor filme de ficción, mellor filme documental, mellor curtametraxe e unha mención especial ao mellor filme en galego. Tamén haberá un premio do público.
Mesas redondas, obradoiro e festa de clausura
Pero o Festival ten outras actividades paralelas ás proxeccións, como son dúas mesas redondas. A primeira delas, o martes 10 no Museo das Peregrinacións, será un Encontro de festivais de cine feito por mulleres. Participarán Marta Nieto (Mostra Internacional de Films de Dones – Barcelona), Amaia Barandica (Muestra Internacional de Cine y Mujeres – Pamplona), Antónia Pedroso (Olhares do Mediterrâneo-Women’s Film Festival) e Teresa Gomez (Mufest).
No mesmo lugar celebrarase a segunda mesa redonda o sábado 14, neste caso sobre o sector cinematográfico en Galicia dende unha perspectiva de xénero. Debaterán a directora Olga Osorio, a guionista Araceli Gonda, a produtora Nati Juncal e a xornalista e fotógrafa Zélia García.
As actividades paralelas complétanse cun obradoiro de iniciación á creación audiovisual dirixido por Renata Otero. Realizarase na Casa das Mulleres Xohana Torres as tardes dos días 11, 12 e 13 de marzo.
O Mufest clausurarase cunha festa na Sala Capitol, o venres 13 ás 21:30 horas. Participarán Pandereiteiras sen Fronteiras e a Banda da Loba.