Vinte proxectos impulsados por mulleres protagonizaron a I Feira de Emprendedoras de Compostela
O edificio CIEDUS (Finca Vista Alegre) acolleu hoxe a I Feira de Emprendedoras de Compostela, organizada conxuntamente pola Concellaría de Desenvolvemento Económico e o programa Woman Emprende da USC. A feira contou con 20 proxectos innovadores e centos de visitantes e naceu co obxectivo de achegar á cidadanía as diferentes iniciativas empresariais lideradas por mulleres e que están creando tecido empresarial responsable e transformador na nosa contorna. Nesta primeira edición, a temática e o sector escollido foi a artesanía.
A xornada completouse cun Espazo de Tradición e Artesanía instalado no mercado Galiciana dende o luns pasado e no que expuxeron as artesás Sandra Vilas Fernández, de Boina Galega; Edita Rodríguez Oca, de Jatafarta; Beatriz Méndez Campos, de Floriforma; Minia Banet Fraga, de Variopinto; Kinga Haudek, de Kinga Haudek Joyería Artística, e Rosario López Gómez, de Charo López Atelier.
Na primeira parte da feira celebrouse unha sesión interna formativa, dirixida ás mulleres que emprenden e que precisan de ferramentas que as acheguen a unha axeitada comunicación empresarial para acadar a maior venda posible. A partir das 12:00 h abriuse ao público un espazo para a exposición en formato feira, un traballo de empoderamento para que as persoas visitantes puideran apreciar a calidade dos traballos, o esforzo nos procesos de elaboración, o valor dos oficios moi vinculados á veciñanza e non rifados coa innovación, o uso de novas técnicas e tecnoloxías e a internacionalización dalgún deles.
Ás 12:45 horas, a concelleira de Igualdade en funcións, Marta Lois, e a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, da USC, Mar Lorenzo, deron a benvida ás persoas participantes e puxeron en valor "este proxecto común onde as protagonistas sodes as mulleres creadoras e artesás". A continuación houbo un momento para a reflexión e o debate entre mulleres, tanto as que se inician nesta actividade como as que teñen xa unha longa traxectoria. Nesta mesa, que comezou pasadas as 13:00 horas e moderada por Elena Fabeiro, participaron José Castro, de Noroeste Obradoiro; Palmira Marcote, de Mimadriña; Inés Rodríguez, de Rir & Co; e Beatriz López, de Tenda Boles.
Pechou o evento o relatorio de Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía 2014 e promotora de Idoia Cuesta Cestería Contemporánea.
Woman Emprende
O programa Woman Emprende da USC naceu co obxectivo de impulsar o espírito emprendedor das mulleres e a transferencia de coñecemento á sociedade, apoiando as iniciativas e a xeración de novos proxectos empresariais liderados por elas. En Woman Emprende materialízase o compromiso da USC co emprendemento integral e responsable, así como o desenvolvemento económico e social da contorna.
Para iso, o programa da USC ofrece toda unha serie de ferramentas ás emprendedoras para dar os primeiros pasos no comezo da actividade empresarial, facilita información de calidade e actualizada e apoio, desenvolve actividades de interese común para as emprendedoras, e acompaña a cada un dos proxectos dende o inicio ata o desenvolvemento real da actividade.