Compostela, Territorio das Mulleres

As cidades son espazos de convivencia, de tránsito de persoas, de experiencias vitais, de traballo, de lecer, de aprendizaxes… Son lugares onde converxen realidades e necesidades diversas, o urbano e o rural, pero tamén territorios onde se xeran desigualdades no acceso aos recursos, no acceso aos servizos, no goce dos dereitos sociais, económicos e culturais e onde a fenda de xénero as atravesa todas. As cidades son o que son as persoas que as habitan, que as visitan, que van e veñen, que ocupan os espazos privados e, sobre todo, as cidades son o que son as persoas que fan os espazos públicos. 

É por iso que a Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento económico e Turismo pon en marcha este proxecto, implicando aos sectores sociais e económicos de Compostela na construción da cidade que queremos: máis accesible, máis inclusiva e máis igualitaria, porque unha cidade pensada para as mulleres é unha cidade mellor para toda a cidadania.

 

Marta Lois, 

Concelleira de Igualdade, Desenvolvemento económico e Turismo.

 

Metodoloxía de traballo

O obxectivo deste proxecto é, por unha banda, habilitar un espazo de confluencia para os recursos que están traballando a prol da igualdade de xénero na cidade, en diferentes ámbitos, que lles dea maior visibilidade e accesibilidade e, por outra, implicar aos axentes sociais e ao sector económico co fin de crear un mapa de recursos, lugares e equipamentos que axuden a construír unha cidade igualitaria e amigable coas mulleres. Ao mesmo tempo, o mapa servirá para explorar unha dimensión turística orientada a facer de Compostela unha cidade women friendly, cuxo selo axudará na consolidación da capital galega como destino turístico. 

Dada a importancia dos sectores da hostalería e o turismo no desenvolvemento económico e social da cidade e a súa capacidade de influencia, tanto na veciñanza como nas persoas que nos visitan, gustaríanos que ámbolos dous fosen un axente motor no proceso de creación de 'Compostela, territorio das mulleres'. É por iso que comezamos convidando aos hoteis, hostais, restaurantes e oficinas de turismo de Santiago a valorar que contidos, relacionados co fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, poderían incorporar nas súas prácticas e espazos a través dunha carta  enviada a finais de febreiro, tomando como referencia as bases de datos de TurGalicia e Turismo de Santiago. Do mesmo xeito, procurouse un contacto activo coas diferentes asociacións representativas do sector en Compostela. 

Aos establecementos que amosaron interese en participar no proxecto remitíuselles un formulario para recoller información directa sobre os equipamentos e a perspectiva de xénero na súa xestión; datos que serviron para unha diagnose inicial, dada a diversidade de establecementos, e para a formulación dos compromisos. O seguinte paso foi contactar persoalmente coas encargadas ou encargados a través de entrevistas para presentarlles os materiais do proxecto e os compromisos que é preciso asumir para ser establecemento colaborador de TM e contar co distintivo Women Friendly

Mais este proceso é aberto, e todos os establecementos que o desexen poden ir incorporándose a 'Compostela, territorio das mulleres', en calquera momento, seguindo as pautas recollidas no apartado de Participa.