Uso dos tempos

Prestar atención ás desigualdades no uso dos tempos require reflexionar en torno ao concepto da división sexual do traballo. Tradicionalmente foron as mulleres as que asumiron o traballo reprodutivo, os coidados, é dicir, as accións que sosteñen as vidas das persoas (menores, maiores, enfermas, dependentes e con diversidade funcional). Hoxe en día hai suficientes estudos que confirman que aínda existe unha fenda de xénero importante nos tempos dedicados ao traballo non remunerado. Estes desequilibrios entre mulleres e homes condicionan outras esferas da vida, limitando así a capacidade das mulleres para participar noutros ámbitos (participación social, política, comunitaria ou laboral, carreira profesional, acceso á cultura ou ao deporte...).

Polo momento este apartado non conta con información. Con todo, mostramos unha proposta de indicadores e premisas para guiar futuros estudos que visibilicen e analicen as desigualdades existentes na cidade, extraídas do estudo cualitativo realizado.

Traballo non remunerado

Identifícase como necesario indagar nas desigualdades de xénero existentes no uso do tempo dedicado ás labores do fogar, ao coidado de menores de 15 anos, maiores de 74 e persoas dependentes ou con diversidade funcional. É interesante estudar estes desaxustes tendo en conta aspectos como a idade, os anos de estudo, a categoría profesional e a posición de parentesco coa persoa coidada.

Ademais, ponse o foco de atención na incidencia que as responsabilidades derivadas dos coidados teñen no desenvolvemento da carreira profesional, nas condicións laborais e no exercicio das maternidades e paternidades.

Actividades sociais, culturais, deportivas e de lecer

Apúntase o estudo das desigualdades de xénero existentes no tempo dedicado a actividades culturais, de participación social e política, de voluntariado social, sociocomunitarias, de deporte saúde e de deporte regrado.

Recursos municipais de atención ás persoas dependentes

Considérase necesario analizar en que grao a administración local, a través de diferentes recursos e programas municipais (escolas infantís públicas, servizos de comedor ou actividades extraescolares), desenvolve medidas que poñen no centro os coidados da vida, facilitando así  un reparto mais equilibrado nos usos dos tempos e os espazos por parte de mulleres e homes.