Benestar

As desigualdades de xénero no benestar e na calidade de vida reprodúcense, en moitas ocasións, como consecuencia dos traballos reprodutivos aos que as mulleres dedican gran parte do seu tempo. A incorporación da muller ao ámbito laboral provocou unha sobrecarga de traballo diario, por ter que combinar o traballo reprodutivo e o produtivo. Ademais, se reparamos nas persoas coidadas, os datos desvelan que as persoas maiores e dependentes son, na súa maioría, mulleres. Por outra banda, varios estudos de xénero centrados neste ámbito evidenciaron como os determinantes da saúde –estado da saúde, enfermidades ou demandas e necesidades de atención nos servizos– non son iguais no caso das mulleres e no dos homes.

Neste apartado pretendemos indagar no estudo do nivel de benestar e calidade de vida de mulleres e homes a nivel municipal desde un enfoque amplo e holístico, que entende a saúde non unicamente como ausencia de enfermidade, senón como un proceso integral con implicacións no plano emocional, físico e social. Trátase de coñecer e comprender a influencia dos condicionantes de xénero nos estados de saúde das persoas, con particular atención aos procesos de calidade de vida que se desenvolven nas vidas femininas. Neste sentido, indagamos sobre a desigualdade no acceso e na calidade dos recursos sociais e as prestacións non contributivas do Estado, así como na incidencia dos problemas de saúde relacionados con enfermidades crónicas e nos hábitos de vida saudables.

Até o momento, a información obtida céntrase na análise das desigualdades no ámbito da dependencia, no do acceso ás políticas municipais e ás prestacións non contributivas. Con todo, mostramos unha proposta de indicadores e premisas para guiar futuros estudos que visibilicen e analicen as desigualdades existentes na cidade, extraídas do estudo cualitativo realizado.

Dependencia

Fonte de datos: IGE, 2015.

Os índices de dependencia son superiores para as mulleres, agás no caso do índice de dependencia xuvenil. Este indicador confirma que o risco de dependencia é máis elevado no caso das mulleres que no dos homes.

No estudo cualitativo apúntase ao feito de que os coidados de persoas dependentes, tanto crianzas como adultas, segue recaendo maioritariamente nas mulleres das familias, que co seu traballo gratuíto sosteñen a economía doméstica. Esta realidade condiciona as oportunidades de establecer itinerarios de inserción e desenvolvemento profesional con autonomía.

Fonte de datos: IGE, 2015.

No estudo cualitativo sinálase a discriminación múltiple que sofren as mulleres con diversidade funcional en termos de violencias, non soamente por cuestión de xénero, senón tamén a exercida por figuras coidadoras, de apoio, familiares, amizades... Ademais faise referencia á diferenciación dos ámbitos urbano e rural como un elemento a ter en conta, pois neste último escenario existe un maior risco de desatención institucional.

Políticas municipais

Até o momento contamos coa información que se mostra a continuación. De cara ao futuro, no estudo cualitativo posiciónase a necesidade de valorar a cobertura das accións municipais relacionadas coa conciliación.

Fonte de datos: Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, 2016.

A renda de solidariedade social contou cun total de 69 persoas beneficiarias, as axudas de risco social, con 13, e as axudas de prevención e inserción, con 1. Obsérvase como en todos os casos a porcentaxe das mulleres beneficiarias de axudas e renda de risco social supera en todos os casos o 50%.

Fonte de datos: Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, 2016.

O Programa contou cunha cobertura de 90 persoas en 2016. Neste caso as mulleres representan máis da metade das persoas usuarias.

Fonte de datos: Cruz Vermella, 2016.

O programa de teleasistencia municipal contou cun total de 53 persoas usuarias, o de atención a persoas maiores con funcións cognitivas deterioradas, con 38, o de axuda a domicilio complementaria, con 34, o de promoción de envellecemento saudable, con 63, o de rede social para persoas maiores (Enrédate), con 113, e o de voluntariado de maiores, con 76. As mulleres son a gran maioría das persoas que acceden e forman parte dos proxectos e programas impulsados pola área de Maiores.

Fonte de datos: UMAD.

* O Programa de Axuda Oficial centra as súas accións no acompañamento a persoas con causas xudiciais abertas ou pendentes. O Programa de Incorporación Personalizado céntrase nun itinerario de intervención social de carácter formativo, laboral e/ou xudicial.

O Programa de Incorporación Persoalizado contou en 2012 cun total de 94 persoas usuarias, e o Programa de Axuda Xudicial en 2016 con 166. Obsérvase como nos dous casos a porcentaxe de homes representa practicamente a totalidade das persoas usuarias.

No estudo cualitativo identifícanse diferentes desigualdades de xénero en relación á poboación drogodependente, como por exemplo, que a incidencia do consumo é menor no caso das mulleres. Igualmente, destaca a tendencia a atopar máis mulleres novas que homes novos; en idades máis elevadas é moito máis habitual o perfil de consumidor varón.

No tocante á discriminación múltiple das mulleres drogodependentes, cabe sinalar:

  • Elevado número de casos de violencia machista: identifícase unha situación de especial emerxencia no caso das mulleres que viven na rúa. Nestas circunstancias as traballadoras identifican a violencia como froito da busca de protección, é dicir, sinálase o aumento da dependencia das mulleres nas relacións de parella como mecanismo de protección. Tamén é habitual que as mulleres acudan á prostitución como mecanismo de sustento, pois é frecuente que corten todo tipo de vínculos sociais e familiares, outro factor engadido para aumentar a dependencia da muller respecto do home.
  • Falta de conciencia de autocoidados: en relación á saúde sexual, é moi frecuente que non realicen ningún tipo de revisión, o que dificulta moitas situacións de emerxencia no caso de embarazos ou enfermidades. As prácticas sexuais de risco son moi habituais. 
  • Problemas de autoestima provocados pola perda das redes de apoio e, sobre todo, pola estigmatización social á que son sometidas.

 

Prestacións económicas

Fonte de datos: IGE, 2015.

* [Axudas de emerxencia social (AES), Pensións contributivas da Seguridade Social (incapacidade permanente, xubilación e morte e supervivencia), Pensións non contributivas da Seguridade Social, Prestacións da LISMI, Prestacións do Fondo Nacional de Asistencia Social (FAS), Prestacións familiares por fillo/a a cargo, Prestacións por desemprego, Renda de integración social de Galicia (RISGA)]

Os datos confirman que a maioría das persoas que cobran e acceden a prestacións non contributivas (de xubilación e por invalidez), á RISGA e á AES, son mulleres. Se atendemos á distribución das persoas que cobran pensións e prestacións*, a porcentaxe de mulleres elévase lixeiramente, cunha diferenza porcentual do 5 %.

Este indicador apunta a que o risco de pobreza das mulleres é maior que o dos homes. O feito de que as mulleres dediquen parte da súa vida a traballos non remunerados, que as súas vidas laborais teñan menos estabilidade e máis precariedade, e que conten cun maior risco de dependencia son algúns dos factores que inflúen nestas cifras.

Fonte de datos: IGE, 2015.

* [Axudas de emerxencia social (AES), Pensións contributivas da Seguridade Social (incapacidade permanente, xubilación e morte e supervivencia), Pensións non contributivas da Seguridade Social, Prestacións da LISMI, Prestacións do Fondo Nacional de Asistencia Social (FAS), Prestacións familiares por fillo/a a cargo, Prestacións por desemprego, Renda de integración social de Galicia (RISGA)]

A fenda de xénero reprodúcese tanto no conxunto de pensións e prestacións como nas pensións contributivas á Seguridade Social: eles cobran ao redor de 270 euros máis ao mes que elas. Esta diferenza representa aproximadamente un 30% da media do importe mensual que cobran as mulleres nos dous casos.

Visibilízase así o impacto da precariedade na vida laboral (temporalidade nos seus contratos, elevado nivel de xornadas parciais, inestabilidade laboral...), que incrementa a pobreza no caso das mulleres que cobran unha pensión ou prestación.