Acceso e uso dos recursos económicos

Neste ámbito centrámonos nas desigualdades de xénero existentes no acceso, na permanencia e na calidade do traballo remunerado, e tamén nos desequilibrios entre os salarios e nas barreiras que frean a proxección profesional feminina. Tradicionalmente, o feito de ser home ou muller influíu no rol desempeñado na sociedade. A división sexual do traballo provocou que fosen as mulleres as responsables dos coidados (infancia, maiores e persoas enfermas, dependentes e con diversidade funcional), mentres que os homes estaban máis vinculados co mercado laboral formal e o traballo remunerado.

Para analizar en que medida esta situación persiste no contexto municipal, presentamos datos sobre as desigualdades na participación das mulleres e dos homes nos tres axentes económicos de xeración e intercambio de recursos económicos: o mercado laboral, o Estado e o fogar. Ademais, prestamos especial atención ás desigualdades no acceso de mulleres e homes ás políticas municipais de emprego.

Ademais anexamos unha proposta para guiar futuros estudos, extraídas do estudo cualitativo realizado.

Mercado laboral

Fonte de datos: IGE, 2016.

O 55,12 % de persoas desempregadas en Compostela son mulleres.

Na poboación feminina as taxas de desemprego aumentan nas idades comprendidas de 25 a 44 anos; nestes tramos de idade, a fenda de xénero ensánchase considerablemente. Nas idades máis avanzadas (de 50 a 59 anos), o nivel de desemprego feminino descende, este dato pode verse influenciado polo feito de que son na súa maioría as mulleres maiores as que se benefician dalgunha prestación de xubilación, viuvez ou discapacidade.

No estudo cualitativo percíbese que o risco de desemprego feminino aumenta proporcionalmente coa idade. Neste sentido cómpre valorar en que medida inflúen os estereotipos de xénero nos procesos de selección da cidade, sobre todo no sector da hostalería e servizos, un dos piares económicos de Compostela. 

Fonte de datos: IGE, 2016.

Nesta ocasión atendemos ás desigualdades nos niveis de desemprego de homes e mulleres segundo duración. A fenda de xénero ensánchase a medida que aumenta a duración do desemprego, e alcanza máis de 10 puntos no caso das persoas que levan máis dun ano desempregadas (mulleres: 55,92% e homes: 44,08%). Este indicador revela que as mulleres teñen maior risco de desemprego de longa duración.

Fonte de datos: IGE, decembro 2016.

A tendencia confirma que o paro feminino respecto do masculino é maior conforme aumenta o nivel de estudos. O caso máis extremo preséntase nas mulleres desempregadas que teñen estudos postsecundarios, que dobran en cantidade aos homes do mesmo nivel.

  • No único caso en que os homes representan unha porcentaxe maior que as mulleres é no das persoas desempregadas con estudos primarios completos.
  • Pola contra, confírmase que as mulleres de 25 a 45 anos con estudos postsecundarios son as que máis engrosan a porcentaxe feminina de desemprego.

No estudo cualitativo apúntase a gravidade do desemprego nas mulleres novas con estudos superiores universitarios. A percepción é que o nivel de emigración na cidade e no país é moito máis elevado nas mulleres con este perfil, pois a precariedade obriga a marchar.

 

 

Fonte de datos: IGE, 2016.

No caso dos contratos parciais e fixos descontinuos, a fenda de xénero é destacable: a porcentaxe de mulleres respecto á de homes elévase entre 23 e 27 puntos porcentuais. Evidénciase que as mulleres contan cun maior grao de temporalidade que os homes. A fenda entre os sexos na categoría de contratos temporais alcanza os 11 puntos porcentuais, unha diferenza destacable respecto á categoría de contratos indefinidos, que é de 3 puntos porcentuais.

Fonte de datos: IGE, 2016.

As porcentaxes femininas máis altas concéntranse en contratos nos que predomina a temporalidade. As modalidades de contrato máis frecuentes en mulleres son: «interinidade», «en prácticas» e «indefinido ordinario e fomento para o emprego». En todos os casos nos contratos de xornada parcial as mulleres predominan.

No estudo cualitativo alúdese ás desigualdades de xénero existentes nos usos dos tempos. Afondar neste tema percíbese como prioritario para articular un plan de corresponsabilidade.

Fonte de datos: IGE, 2016.

As mulleres representan o 51,98 % da poboación afiliada á Seguridade Social en 2016. Aqueles sectores nos que se encadran en maior medida as mulleres son os que encaixan coas tarefas relacionadas cos coidados ou coa administración e a xestión. A categoría de «actividades dos fogares como empregadores/as de persoal doméstico; actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio» despunta como un sector completamente feminizado (96,69 % de mulleres).

No estudo cualitativo reflexiónase en torno á precariedade do sector das traballadoras do fogar, un sector que facilita a conciliación xeral na cidade a costa da imposibilidade destas traballadoras para conciliar. Ademais, percíbense a existencia de barreiras de xénero para que os homes traballen neste sector (eles representan unha mínima parte, e os poucos que hai aparecen como consecuencia da crise económica).

 

Fonte de datos: IGE, 2014.

A fenda salarial alcanza unha diferenza de máis de 1 euro por hora nos salarios. Ademais existe unha diferenza salarial considerable entre mulleres e homes en todas as modalidades de contrato e tipos de xornada: en todos os casos, eles cobran máis ca elas (contratos indefinidos: mulleres 7,3 e homes 9,4; contratos temporais: mulleres 7,3 e homes: 7,6; xornada completa: mulleres 8,7 e homes: 9,6; xornada parcial: mulleres 6,4 e homes 7 euros á hora). É relevante que a fenda exista igualmente naquelas categorías de contrato e tipos de xornada máis habituais entre as mulleres: os contratos temporais e a xornada parcial. Evidénciase que existe  un maior nivel de precariedade no caso dos empregos máis feminizados.

Recursos producidos no fogar

Na actualidade non contamos con información dispoñible para analizar as desigualdades existentes no que respecta ao uso dos recursos económicos no fogar, pero a intención é centrar futuros estudos nas desigualdades existentes, tanto no uso dos recursos económicos como no do tempo dedicado ao traballo produtivo e reprodutivo.

Prestacións económicas

Fonte de datos: IGE, 2015.

* [Axudas de emerxencia social (AES), Pensións contributivas da Seguridade Social (incapacidade permanente, xubilación e morte e supervivencia), Pensións non contributivas da Seguridade Social, Prestacións da LISMI, Prestacións do Fondo Nacional de Asistencia Social (FAS), Prestacións familiares por fillo/a a cargo, Prestacións por desemprego, Renda de integración social de Galicia (RISGA)]

Os datos confirman que a maioría das persoas que acceden e cobran prestacións non contributivas (de xubilación e por invalidez), a RISGA e a AES, son mulleres. Cando atendemos á distribución das persoas que cobran pensións e prestacións* a porcentaxe de mulleres elévase lixeiramente, cunha diferenza porcentual do 5 %.

Este indicador apunta a que o risco de pobreza das mulleres é maior que o dos homes. O feito de que as mulleres dediquen parte da súa vida a traballos non remunerados, que as súas vidas laborais teñan menos estabilidade e máis precariedade, e que conten cun maior risco de dependencia son algúns dos factores que inflúen nestas cifras.

Fonte de datos: IGE, 2015.

* [Axudas de emerxencia social (AES), Pensións contributivas da Seguridade Social (incapacidade permanente, xubilación e morte e supervivencia), Pensións non contributivas da Seguridade Social, Prestacións da LISMI, Prestacións do Fondo Nacional de Asistencia Social (FAS), Prestacións familiares por fillo/a a cargo, Prestacións por desemprego, Renda de integración social de Galicia (RISGA)]

A fenda de xénero reprodúcese tanto no caso do conxunto de pensións e prestacións, como no caso das pensións contributivas á Seguridade Social: eles cobran ao redor de 270 euros máis ao mes que elas. Esta diferenza representa aproximadamente un 30 % da media do importe mensual que cobran as mulleres.

Visibilízase así o impacto da precariedade na vida laboral (temporalidade nos seus contratos, elevado nivel de xornadas parciais, inestabilidade laboral...), que incrementa a pobreza no caso das mulleres que cobran unha pensión ou prestación.

Políticas municipais de emprego

Fonte de datos: Axencia Local de Colocación, 2015.

O nivel de persoas usuarias da Axencia é máis elevado no caso das mulleres (61,29 % de 32 408 demandantes inscritas en 2015). Aínda que se atendemos ás persoas usuarias do web, percíbese unha fenda de xénero que ascende a 8 puntos porcentuais. Visibilízanse así desigualdades que poden ter que ver tanto co acceso como coas capacidades ou o uso e manexo de ferramentas dixitais.

Fonte de datos: Axencia Local de Colocación, 2015.

Máis das metade das persoas que envían o currículo á ALC son mulleres (o 58,49 % de 5870 persoas). Atendendo a criterios de idade e sexo, percíbese que as mulleres máis novas son as que logran unha maior inserción laboral a través das políticas municipais de emprego. Así, conforme aumenta a idade, o nivel de inserción das mulleres vaise diluíndo, até atopar a maior desigualdade entre sexos no grupo de idade de 41 a 50 anos (un dos grupos de idade que conta con máis risco de desemprego, segundo comprobamos no estudo de indicadores anteriores).

 

 

Fonte de datos: Axencia Local de Colocación, 2015.

Malia ser as mulleres as que máis engrosan as listas de demandantes de emprego (61,29 % de 32 408 persoas demandantes inscritas na ALC en 2015), son as que menos prestacións por desemprego cobran. Este dato apunta a un incremento da situación de risco de exclusión nas mulleres.

Fonte de datos: Axencia Local de Colocación, 2015.

As porcentaxes de mulleres e homes que participan nas accións son considerablemente paritarias, aínda que a fenda máis visible se concentra naqueles cursos que encaixan con sectores tradicionalmente máis masculinizados.