Acceso ao poder político e económico

En que medida os postos clave no ámbito político e económico están en mans de homes? Tradicionalmente establecéronse pautas e normas que favoreceron o acceso dos homes aos órganos de toma de decisión. Por iso foron os homes os que alcanzaron unha posición privilexiada respecto ao poder. Estudos feministas confirman que seguen a estar presentes barreiras relativas, entre outros aspectos, á dobre carga laboral familiar, ao modelo masculino establecido coma norma nas esferas do poder, ou ao rol social asignado á muller.   

Neste apartado pretendemos estudar o grao de presenza das mulleres nos distintos niveis dos poderes, recoller as percepcións sobre os factores das desigualdades e analizar as medidas que promoven a súa participación en igualdade de condicións nos ámbitos político e económico.

En relación ao poder político, centramos a atención nos desequilibrios no poder municipal e no grao de desenvolvemento das políticas de igualdade de xénero. No tocante ao poder económico, consideramos necesario estudar as desigualdades no tecido empresarial e industrial e no de emprego público, prestando unha especial atención á existencia de proxectos emprendedores liderados por mulleres.

Polo momento, este apartado non conta con toda a información necesaria para permitir unha análise en profundidade. Con todo, mostramos unha proposta de indicadores e premisas para guiar futuros estudos que visibilicen e analicen as desigualdades existentes na cidade, extraídas do estudo cualitativo realizado.

Presenza das mulleres no poder político municipal

Fonte de datos: Concello de Santiago de Compostela, 2016.

Os maiores desniveis de participación concéntranse na comisión de Área Social, Cultura e Servizos e na de Urbanismo, Infraestruturas, Vivenda e Medio Ambiente. A primeira delas está considerablemente feminizada, mentres que a segunda está máis masculinizada. Obsérvase como as presidencias son equitativas.

Políticas municipais de igualdade de xénero

Fonte de datos: Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, 2016.

Fonte de datos: Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, 2016.

Fonte de datos: Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, 2016.

Fonte de datos: Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, 2016.

No estudo cualitativo sinálase á situación económica do país como unha ameaza que pode levar á supresión de políticas de xénero. Estas políticas son un garante fundamental do exercicio dos dereitos de cidadanía das mulleres e nenas.

Presenza feminina no sector empresarial e industrial

No estudo cualitativo sinálase en varias ocasións a excesiva masculinización do sector empresarial e industrial da cidade, fixando á atención especialmente no polígono do Tambre.

Alúdese a existencia do teito de vidro, e á preponderancia de roles e dinámicas nos espazos de poder moi vinculados cos patróns masculinos, onde as mulleres non teñen cabida.

E por outra banda, sinálase a incidencia de casos de acoso sexual e por razón de sexo no ámbito laboral do tecido empresarial e do sector servizos.

É por isto que se posiciona a necesidade de medir a diferenza porcentual entre mulleres e homes en organismos clave de toma de decisións das grandes empresas, en asociacións profesionais e empresariais e en sindicatos. Por outra banda, incídese na necesidade de medir a presenza de redes de mulleres empresarias na cidade.

Polo momento o único indicador que conta con información deste apartado é o que se presenta a continuación.

Fonte de datos: Web da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación, 2016.

Das oito persoas que forman parte do Comité Executivo, ningunha delas é unha muller. Na composición do Pleno hai dúas mulleres vogais.

Presenza nas empresas públicas

No estudo cualitativo identifícase a necesidade de medir os desequilibrios entre mulleres e homes en postos de toma de decisións en empresas públicas municipais e autonómicas.

Polo momento o único indicador que conta con información deste apartado é o que se presenta a continuación.

Fonte de datos: Concello de Santiago de Compostela, 2016.

No caso de empresas municipais e organismos autónomos, as persoas representantes do Concello están distribuídas de forma desigual segundo sexo. O 37,2 % das representantes son mulleres. Os organismos máis feminizados son o Auditorio de Galicia e a Fundación Refuxio de Animais, fronte a TUSSA, UNINOVA ou o Consello Asesor de Condecoracións.

Sector empresarial e de mercados

No estudo cualitativo identifícase a necesidade de profundar nos desequilibrios existentes en postos de dirección e xerencia nas asociacións de comercio e centros comerciais. Sinálase a existencia de barreiras de xénero para alcanzar postos de poder nas asociacións e organizacións vinculadas con este sector.

No ámbito dos mercados localízanse as fendas de xénero máis graves relativas ás barreiras que teñen as mulleres para acceder ao poder económico. As desigualdades percíbense como moi evidentes e profundas no que respecta á titularidade (excesivamente masculinizada) e á xestión efectiva do negocio (feminina na práctica totalidade). E por isto que se posiciona a necesidade de medir a diferenza porcentual entre as mulleres titulares e as xestoras de postos do mercado de abastos.

Emprendemento feminino

No estudo cualitativo elaborado identifícase a necesidade de estudar que porcentaxe representan os proxectos de autoemprego promovidos por mulleres sobre o total. Enténdense como tales aqueles nos que a maioría do capital social é aportado por mulleres ou, no caso de empresas de economía social, cando o número de mulleres socias é maior ao de homes.

Un dos factores que se sinalan para a excesiva masculinización deste ámbito é a influencia das desigualdades no uso dos tempos. Ademais, incídese na importancia de traballar para mudar os patróns masculinos que están normalizados nas esferas de poder económico.