Acceso ao coñecemento, á educación e á formación

As desigualdades de xénero na educación crean desequilibrios no acceso, na permanencia, nos resultados e na distribución por áreas de coñecemento, e barreiras na proxección académica. As alumnas e os alumnos distribúense de maneira desigual segundo a área de coñecemento ou a familia profesional. Este fenómeno denomínase segregación horizontal e está intimamente relacionado co proceso de socialización diferencial de nenas e nenos que condiciona a toma de decisións académicas. Ademais as desigualdades tamén son relevantes cando poñemos o foco no teito de cristal, fenómeno que impide que as mulleres asuman cargos elevados na academia –a pesar de seren a maioría nas aulas universitarias– ou na comunidade educativa.

Por outra banda, as desigualdades de xénero non se reproducen unicamente no sistema educativo. No ámbito da educación non regrada, as desigualdades pódense reproducir tanto no acceso coma na participación. Ademais consideramos de interese avaliar en que medida se ten en conta a igualdade de xénero como un contido a traballar neste terreo.

Na actualidade non contamos con información relacionada coas desigualdades de xénero na educación secundaria, no bacharelato, na formación profesional e na educación non regrada. Mostramos a continuación datos cuantitativos referidos á educación universitaria, na súa maioría, e unha proposta de indicadores e premisas para guiar futuros estudos que visibilicen e analicen as desigualdades existentes na cidade, extraídas do estudo cualitativo realizado.

Alumnado

Fonte de datos: IGE, 2012.

As desigualdades máis notables concéntranse tanto na etapa de «programas de cualificación profesional (PCPI)» (na actualidade denominada «formación profesional básica» [FPB]), como na de «ciclos formativos de grao medio e superior». Nos tres casos a porcentaxe de alumnas é considerablemente inferior á de alumnos. Por outra banda, é destacable que tanto no caso da categoría de «bacharelato», como no de «bacharelato adultos/as», as mulleres representan pouco máis da metade do alumnado.

Fonte de datos: Oficina de Igualdade USC, 2015.

Obsérvase como nas aulas da USC máis da metade do alumnado son mulleres.

Fonte de datos: USC en cifras, 2014.

Obsérvase que en todos os casos son máis numerosas as alumnas que logran unha titulación que os alumnos. A porcentaxe de mulleres universitarias é considerablemente superior en todos os casos, agás no número de teses lidas.

Deste xeito, afírmase tanto que os resultados académicos femininos son superiores aos masculinos, como que existe un teito de vidro na carreira universitaria.

Segregación horizontal

Até o momento só contamos con información sobre o ámbito universitario. No estudo cualitativo posiciónase a análise dos desequilibrios entre sexos do alumnado e o profesorado por rama de coñecemento na ensinanza secundaria, no bacharelato e na formación profesional.

Fonte de datos: Oficina de Igualdade USC, 2015.

Até o momento só contamos con información sobre o ámbito universitario. No estudo cualitativo posiciónase a análise dos desequilibrios entre sexos do alumnado e o profesorado por rama de coñecemento na ensinanza secundaria, no bacharelato e na formación profesional.

Fonte de datos: Oficina de Igualdade USC, 2015.

Máis da metade das titulacións da USC están feminizadas, isto é, contan cunha proporción de alumnas igual ou superior ao 70 %.

A maioría destas titulacións pertencen ás ramas de coñecemento de Ciencias Sociais, Ciencias da Saúde e Humanidades.

Pola contra, unicamente tres das titulacións están masculinizadas. Todas elas pertencen á rama de coñecemento das Ciencias Tecnolóxicas.

No estudo cualitativo apúntase á gran influencia dos estereotipos e roles de xénero á hora de tomar decisións académicas. Identifícase a excesiva segregación que existe na actualidade, non soamente na universidade, senón tamén na formación profesional, nas ensinanzas especiais e nas ramas de coñecemento do bacharelato. Neste aspecto, reflexiónase en torno ao papel fundamental xogado polas persoas profesionais da orientación académica e profesional, e á importancia de introducir a perspectiva de xénero dende a educación infantil até os niveis de educación superior, así como contar con ferramentas didácticas que fomenten a visibilización do papel da muller no ámbito científico.

Fonte de datos: Oficina de Igualdade USC, 2015.

A segregación horizontal reflíctese do mesmo xeito no caso do alumnado como do persoal docente e investigador. As titulacións que se encadran nas Ciencias Técnicas son nas que as mulleres son a minoría (24,07 %). No caso das Ciencias da Saúde, Xurídicas e Sociais e nas Artes e Humanidades, as mulleres representan menos da metade do persoal docente e investigador, a pesar de que nestas ramas de coñecemento as alumnas son maioría nas aulas.  

Segregación vertical

Até o momento só contamos con información sobre o ámbito universitario. No estudo cualitativo posiciónase o estudo dos desequilibrios entre sexos nos equipos directivos de centros educativos de réxime xeral e nas escolas infantís municipais.

Fonte de datos: Oficina de Igualdade USC, 2015.

Cos datos presentados evidénciase a existencia de segregación vertical no caso do persoal docente e investigador da USC. A pesar de ser unha universidade con aulas considerablemente feminizadas, as barreiras e os obstáculos na carreira académica das alumnas seguen tendo unha presenza significativa.

 

Fonte de datos: Oficina de Igualdade USC, 2015.

En canto á presenza feminina nos espazos de poder na academia, evidénciase a existencia de barreiras e obstáculos que se lles presentan ás mulleres á hora de ocupar postos de mando.

Fonte de datos: Oficina de Igualdade USC, 2015.

Respecto ao teito de vidro no ámbito universitario, no estudo cualitativo faise referencia ás desigualdades nos usos do tempo e á influencia dos roles e estereotipos de xénero nos ámbitos de poder. Estes dous factores inflúen para que este tipo de cargos non estean ocupados por mulleres.

Presenza feminina nos espazos de poder da comunidade educativa

No estudo cualitativo apúntase a necesidade de indagar a distribución das persoas por sexo nas ANPAS de consellos escolares da cidade. Por outra banda, tamén se considera de interese medir a presenza de nenas e mulleres nos futuros Consellos Municipais da Infancia e da Convivencia Escolar.

 

 

Educación non regrada

Neste apartado apúntase o estudo das desigualdades entre mulleres e homes na participación nas actividades (segundo ámbito de intervención) dos centros sociais, socioculturais e escolas de tempo libre da cidade. Esta participación atende tanto ás persoas asistentes, como ás profesionais (monitoras e monitores). Por outra banda, considérase de interese indagar na proporción que representan as accións centradas en materia de igualdade de xénero sobre o total das accións desenvolvidas neste tipo de centros e entidades.