
Que é o Observatorio?
O Observatorio de Igualdade de Xénero é un instrumento impulsado dende a Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago de Compostela. Insírese no marco da estratexia do mainstreaming de xénero, que consiste en revisar todas as políticas públicas coa intención de eliminar o nesgo de xénero e, así, contribuír á igualdade entre mulleres e homes.
Para que serve o Observatorio?
O Observatorio ten un dobre propósito: por unha parte, visibilizar e analizar as fendas de xénero que atravesan as diferentes esferas das nosas vidas; e por outra, crear e deseñar ferramentas que permitan transversalizar o enfoque de xénero nas políticas municipais. A súa posta en práctica mostra o carácter multidimensional da desigualdade de xénero, pois evidencia que é unha problemática estrutural que abrangue diferentes dimensións.
Como funciona o Observatorio?
O Observatorio traballa sobre tres grandes liñas de acción:
1. Investigación:
- Recompilar a información existente sobre as condicións de vida das mulleres e homes na cidade e en diferentes ámbitos: violencias machistas, no acceso e uso de recursos económicos, no acceso ao poder político e económico, no acceso á educación, formación e coñecemento, no uso dos tempos, no benestar, na cultura, na participación social e política, no espazo público e no deporte.
- Facilitar a avaliación e a medición do impacto de xénero das políticas públicas municipais a través do deseño de ferramentas específicas.
- Trazar liñas de investigación e propor accións para a transformación social.
2. Coordinación e participación:
- Crear mesas técnicas de traballo para monitorear e facer un seguimento das políticas municipais dende unha perspectiva de xénero.
- Fomentar a participación e a implicación da sociedade civil na visibilización das fendas de xénero que se reproducen na vida diaria da cidade. email TM
3. Formación:
- Ofrecer instrumentos e ferramentas formativas que faciliten a incorporación de dinámicas de traballo baseadas na igualdade de xénero.
Como se deseñou o Observatorio?
O Observatorio ten como punto de partida o «Estudo do Deseño do Observatorio de Igualdade de Xénero». Esta investigación levouse a cabo en dúas fases de estudo: en primeiro lugar, elaborouse un repaso teórico dos observatorios de referencia a nivel estatal e internacional no marco da estratexia do mainstreaming de xénero. En segundo lugar, realizouse un estudo aplicando metodoloxías participativas, tendo en conta a opinión do persoal técnico da administración municipal, os axentes sociais e o sector feminista da cidade.
Nas lapelas da dereita presentamos a información dispoñible para visibilizar as fendas de xénero existentes a nivel municipal. Os datos numéricos (ou cuantitativos) que se mostran van acompañados das opinións e percepcións das persoas que formaron parte deste proceso. Existen apartados para os que non se conta con información na actualidade; así e todo, expomos as prioridades e as liñas de traballo para o futuro. Os resultados desta investigación fixaron como punto de arranque os diferentes ámbitos nos que se reproducen as desigualdades de xénero: violencias machistas; acceso e uso de recursos económicos; acceso ao poder político e económico; acceso á educación, formación e coñecemento; uso dos tempos; o benestar; a cultura; a participación social e política; o espazo público; e o deporte.
As persoas que formaron parte do proceso desta investigación posicionaron a necesidade de que no futuro se traballe dende un enfoque interseccional en cada un destes ámbitos, é dicir, tendo en conta as discriminacións múltiples ás que se enfrontan as mulleres segundo categorías como a idade, o ámbito rural / urbano, a etnia ou a orientación sexual.
Ferramentas
As estatísticas de xénero son unha ferramenta imprescindible para dar visibilidade ás distintas manifestacións da desigualdade de xénero. Mediante a análise estatística, os números transfórmanse nunha ferramenta que permite evidenciar certos fenómenos sociais. No caso da análise de xénero, estes números fan visible a desigualdade entre homes e mulleres en distintos ámbitos da vida. Os datos estatísticos sobre as formas en que as desigualdades se manifestan nas nosas sociedades son imprescindibles se se queren elaborar políticas que busquen a igualdade de xénero e que sexan efectivas e sustentables no tempo.
Un indicador pode ser unha medida, un número, un feito, unha opinión ou unha percepción que sinala unha situación específica e os seus cambios no tempo. Os indicadores de igualdade de xénero constrúense a partir do recoñecemento dos desequilibrios e fendas entre a situación das mulleres e os homes en todos os ámbitos da vida.
Serven para sinalar os cambios sociais en termos de relacións de xénero ao longo do tempo. A súa utilidade céntrase na capacidade de identificar os cambios no estatus e no rol das mulleres e dos homes ao longo do tempo. Deste xeito, permiten saber se a igualdade de xénero está sendo alcanzada a través das accións planificadas.
Para saber máis...
Guía de asistencia técnica para la producción y uso de indicadores de género. CEPAL (2004)
Sistema estatal de indicadores de género. Observatorio de Igualdad de Género (2010)
Indicadores de género. Guía práctica. Unidad de Igualdad de Género. Junta de Andalucía
Este proxecto foi subvencionado por: