Programa de apoio fronte á violencia de xénero

Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia / Rúa da Espiñeira, 10 / Tel.: 981 534 049
[3/7041]
  • xornada formativa

Programa de atención psicolóxica especializada para mulleres que viviron ou están vivindo situacións de violencia de xénero, para os seus fillos e/ou fillas e outras persoas que convivan con elas.

É un programa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que funciona baixo o abeiro dun convenio de colaboración  asinado coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, que nace no ano 2004.

Está formado por unha rede composta por 103 psicólogos e psicólogas acreditadas e especializadas que dan cobertura en toda  a Comunidade Autónoma.

O acceso é gratuíto, garantindo a rapidez na atención, a accesibilidade, a privacidade e a coordinación con todas e todos os axentes especializados.

Entre os obxectivos do programa están:

  • Ofertar recursos terapéuticos que abran vías de recuperación ás mulleres vítimas de violencia de xénero, menores e outras persoas que convivan con elas.
  • Facilitar o proceso de recuperación das persoas así como a integración da experiencia vivida e desde ese lugar poder tomar decisións de xeito mais libre.
  • Facilitar o acceso inmediato a un recurso público especializado e contribuír a unha atención coordinada co resto de dispositivos e axentes sociais que están intervindo.
  • Intervir nas situacións de asasinato por violencia de xénero nos casos en que se active a través do 112 o protocolo conxunto entre o Grupo de Intervención en Catástrofes e Emerxencias do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e o Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres que Sofren Violencia de Xénero.
  • Contribuír á sensibilización social e a xerar coñecemento en materia de igualdade, e das causas, consecuencias do exercicio da violencia.

Contémplanse dez sesións de asistencia psicolóxica individualizada para a muller e cinco para cada un dos fillos, fillas e persoas dependentas destas. Podéndose  ver ampliado o número de sesións co consentimento da persoa coordinadora do Programa e a autorización da Secretaría Xeral de Igualdade. Garantindo unha atención psicolóxica entre as 24 e 48 horas dende o momento da demanda.