Edith Wharton: Muller, Escritora e Pelegrina

Catedral de Santiago de Compostela, Praza do Obradoiro s/n
[3/6896]

Edith Wharton, unha das escritoras máis recoñecidas de comezos do século XX, gañadora do premio Pulitzer 1921 pola súa novela A idade da Inocencia levada ao cine no ano 1993 por Martin Scorsese e primeira muller nomeada Doctor Honoris Causa pola Universidade de Yale -entre outros moitos méritos-, viaxou a Compostela en dúas ocasións na década dos anos vinte percorrendo o camiño Xacobeo.

Así o demostra a coidada investigación da profesora de literatura Patricia Fra López, publicada no libro Edith Wharton. Back to Compostela, unha edición facsímil que recolle o periplo dunha muller pioneira e adiantada para o seu tempo.

Nada nos Estados Unidos, Edith Wharton pasou varios anos da súa infacia en Europa ata expatriarse definitivamente a Francia, viaxando por multitude de países do vello continente como Italia, Inglaterra, Alemaña ou Grecia e mesmo norte de África, razón pola cal falaba con fluidez varios idiomas como francés, alemán e italiano, ademais de inglés. Foi, sen dúbida, unha apaixoada viaxeira nun tempo no que percorrer o Camiño de Santiago representaba unha gran fazaña chea de adversidades, sobre todo para unha dona que, como dato curioso, empregou como guía o libro doutra muller erudita e profesora de arte española, Georgina King (The Way of St. James).

A primeira das viaxes da célebre escritora ao noso país data de 1925. Foi neste ano que a autora recolleu a súa pelegriñaxe ata “o glorioso santuario de Compostela” no seu diario de  viaxe por España con Walter Berry. Concretamente, sería o 15 de setembro cando chegada a fin da súa busca espiritual arribou á catedral. A vista do pórtico do Mestre Mateo causaría unha forte e emotiva impresión e que a levaría a escribir “Santiago. Aleluia! Xubileo! Lhassa! A outra noite vin a eternidade”.

Segundo narra a profesora Fra López en Back to Compostela, Edith Wharton volvería pouco anos despois por estrada á capital, feito que recollería nun ensaio inacabado escrito na data estimada 1930, unha lectura recomendable reproducida en dita edición.

O traballo amosa unha gran fonte de información que facilita o coñecemento do Camiño de Santiago nos anos vinte a través dos ollos dunha excepcional viaxeira daquel tempo, así como a vivencia e relación dunha das escritoras máis recoñecidas da nosa historia recente con Santiago de Compostela; a cidade, nas súas propias palabras, que semella estar ao final do mundo occidental.