Complexo escultórico a Rosalía de Castro

Paseo da Ferradura. 15705
[3/162]
  • estatua Rosalía de Castro

Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela o 24 de febrero de 1837 nunha casa do Camiño Novo, actual Rúa Rosalía de Castro.

A pesar de que o número 4 da Praza da Universidade é o lugar recoñecido de convivencia de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, a súa biografía recolle outros múltiples enderezos da escritora en Compostela. Así, entre os anos 1851 e 1855 consta que residiu coa súa nai na Rúa Bautizados nº 6 e que no ano 1859 naceu a súa primeira filla, Alejandra, na Rúa da Conga nº 1. Do mesmo xeito, consta que residía en Santiago no ano 1862 antes de trasladarse ao Mercado Vello nº 7-2º (actual Praza da Universidade) e que no ano 1868 naceu a súa segunda filla, Aura, na Rúa Callobre nº 40. A biografía oficial tamén recolle que entre os anos 1878 e 1879 viviu, primeiro na Rúa de Altamira nº 2 e, despois na Rúa do Hórreo nº 9.

Ademais da súa vida familiar, Compostela foi testemuña de múltiples actuacións teatrais de Rosalía e fonte de inspiración para a súa obra. 

Morreu en Padrón no ano 1885 aos 48 anos de idade. O 25 de maio de 1891 foi exhumado o seu cadáver e levado solemnemente a Santiago, onde foi sepultado ao día seguiente no mausoleo creado polo escultor Jesús Landeira na capela da Visitación do Convento de San Domingos de Bonaval,  hoxe, Panteón de Galegos Ilustres.

No Paseo da Ferradura do Parque da Alameda de Santiago atópase unha bonita estatua dedicada á súa memoria. Trátase dunha escultura feita en granito, inaugurada na festas do Apóstolo do 1917 e cuxos autores son Isidro de Benito e Francisco Crivillés. Ademais da figura da escritora, o monumento inclúe personaxes populares, alma nas súas obras, e títulos das súas publicacións máis coñecidas: El caballero de las botas azules, Cantares gallegos, En las orillas del Sar, Follas Novas. Conta tamén con diversas placas conmemorativas de agrupacións galegas que a recordan: da Unidade Galega de Nova Iorque dedicada á “cantora do pobo galego”, do Centro Santiago de Compostela de Bos Aires (1934), da Peña Gallega Manuel Murguía de Santa Fe (1959), do Centro Galego de Puerto Rico (1965) e de Cantigas e Agarimos (1971), entre outras.

O enclave no que se atopa é idílico pola súa abundante vexetación e vistas da Catedral e do Campus Sur Universitario. 

Tamén cómpre sinalar que na Praza de Vigo existe unha escultura en pedra homenaxe a Rosalía de Castro.