Camiños da auga, Fontes

Comenzo da ruta: Porta do Camiño
[3/146]

Auga de vida e fartura, auga que muda o granito en verdello. Foi esta auga, tan presente en Santiago, a que ocupou gran parte do labor feminino en Compostela até ben entrado o século XX. Sellas, baldes, caldeiros, xabón, vento e sol, os ríos Sar e Sarela, os regatos e as fontes marcaban as horas, os días, as estacións deste traballo das mulleres, sempre mal pago, con enfermidades e dores, frío e molladuras, mais tamén con cantigas, risos, rexoubas e festa. Así está recollido nas voces e nas pegadas do seu espazo e tamén nas numerosas fotografías da época; mulleres novas e vellas, sempre anónimas... Carrexadoras e lavandeiras enchían Compostela de vida, de traballo, e realizaban un circuíto de reciclado perfecto: as casas recibían a auga limpa e a roupa pasada polo ferro, e as mulleres levaban de volta ‘a lavadura’, as sobras do xantar que permitían alimentar os animais do cortello. Labor calado, eficaz e sustentábel, do infindo bo facer feminino que cómpre recoñecer e recuperar... Como di M. Rivas en O lapis do carpinteiro: 

«Tendida ao clareo, cada peza
de roupa conta unha historia» 

Esa historia dálle agora voz ás mulleres. 

Encarna Otero