As dúas Marías

Parque da Alameda
[3/137]
  • as marias

Maruxa, Coralia, Sarita, Manuel, Alfonso, Antonio etc. Eran trece os fillos e fillas que tiveron en Compostela Arturo Fandiño e Consuelo Ricart, parella de artesáns, oficio tan frecuente naquel Santiago de principios do século XX. El, zapateiro, con obradoiro na Algalia de Arriba, n.º 32. Ela, costureira e bordadora, con obradoiro na súa propia casa, na rúa do Espírito Santo, profesión que van aprender e compartir, tamén, as súas fillas. 

Os seus irmáns Manuel, Antonio e Alfonso foron destacados dirixentes e líderes da CNT, organización que no ano 1925 trasladara a Santiago a súa sede rexional e da que Manuel Fandiño, de oficio pintor, era o secretario xeral. A súa mocidade alimentouse do clima de animación e esperanza que se vivía en Santiago: cando as irmás Fandiño saían á rúa a pasear vestidas coa roupa feita na casa, con teas de cores, alegres e vivas coma elas, os estudantes galeguistas e republicanos chamábanlles “liberdade, igualdade e fraternidade” e os estudantes de dereitas, da CEDA, “fe, esperanza e caridade”. No entanto, este soño revolucionario afogouse en sangue o 18 de xullo do ano 1936. A sublevación militar franquista e a represión feroz chegou á familia Fandiño Ricart. 

Chamáronlles “roxas”, tratáronas de “putas”. O traballo desapareceu como medio de sustento e de dignidade; a fame estivo presente diariamente nas súas vidas a partir de entón. Continuaron vivindo na rúa do Medio, naquela Compostela dos anos 40, 50, 60 e 70, onde só había escuridade, medo e silencio, moito silencio. O triángulo mortal e inquisidor que formaron Falanxe, Igrexa e Exército no franquismo triunfante tras a guerra esnaquizou a súa fraxilidade e a súa cabeza escachou coma o cristal.

Encarna Otero

Co paso dos anos, a historia das dúas irmás Fandiño foi caendo no esquecemento, ata que o veciño César Lombera conseguiu convencer no 1994 ao entón alcalde Xerardo Estévez, logo de nove anos propoñéndollo ao Concello, para que instalase unha escultura na súa lembranza. Esta, realizada polo propio César Lombera, consistiu nunha reprodución realista e policromada das dúas mulleres durante os seus famosos paseos baseada na foto máis coñecida de ámbalas dúas irmás, con Maruxa á dereita, co brazo estendido, e Coralia sostendo un paraugas. A obra foi situada na Alameda, lugar onde a día de hoxe permanece. Desde entón, a escultura é unha das máis coñecidas da cidade, tanto pola curiosidade que esperta entre os e as turistas coma por servir de punto de encontro para os e as compostelás. Con frecuencia fíxase como lugar de saída de manifestacións.