COMPOSTELA EN NEGRO 2021

Este ano tan complexo centramos a Acción Compostela en Negro nas violencias cotiás que non se ven. Como indicou Mercedes Rosón: "o primeiro paso para rematar con este feminicidio é asumir que existe unha violencia contra as mulleres presente no noso sistema e froito dunha sociedade patriarcal. E o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller é unha boa datar para recordalo".

Así, a imaxe do cartel da campaña deste ano, que se puido ver tamén en autobuses e mupis, é a dun iceberg que pon sobre a mesa a necesidade de destapar e visibilizar, en palabras da súa deseñadora Uqui Permui, "as violencias cotiás, as normalizadas, esas que nos costa ver e cando as vemos xa é moi tarde". Coas palabras "feminicidio" e "asesinato" na punta do iceberg, xorden as que están ocultas como "desvaloración", "desprezo", "culpabilizar", "micromachismo" ou "anulación".

Estas mesmas verbas son as que, en forma de tiras de papel, se repartiron polos comercios, bares e establecementos da cidade xunto con bolsas de tea e camisetas, co obxectivo de denunciar esas situacións dende as vitrinas deste Territorio das Mulleres.

Seis performances, 12 escaparates

Os días 25 e 25 realizáronse performances en 12 escaparates de establecementos composteláns na que participaron 6 artistas de diferentes artes escénicas como son Marta Alonso, Mónica de Nut, Helena Salgueiro, Marta Pérez, María Roja e a xaponesa residente en Compostela Masako Hattori. Tres das pezas foron estreas mentras que as outras tres son adaptacións feitas ex profeso para o espazo dos escaparates, e todas xiran en torno ás formas de violencia ocultas na normalización, ás agochadas baixo a punta do iceberg seguindo o "sempre foi así".

Homenaxe na praza 8 de marzo

O 25N, pola mañá, asociacións feministas foron recibidas no Pazo de Raxoi polos membros da Corporación. E, pola tarde, deuse lectura ao manifesto institucional consensuado por todos os grupos políticos e descubriuse na praza 8 de marzo unha placa en homenaxe a todas as vítimas de violencia machista.

O manifesto fixo referencia á magnitude do problema: "somos conscientes de que o reto é enorme", pero lembra as vítimas "que estamos aquí para axudalas. TODOS E TODAS, sen distinción. Con información, con asesoramento xurídico e psicolóxico, acompañándoas en todo ese proceso, para que ese longo silencio de sufrimento mude cara a un futuro de esperanza, un futuro de VIDA, desplegando recursos e políticas que poñan fin a todas as violencias machistas. Afortunadamente, movementos e mensaxes como #CompostelaenNegro, #NONaviolenciadexenero #PrimAcoso, #YoSiTeCreo ou #MeToo, anúnciannos que o tempo se está esgotando para os agresores machistas". No texto recordábase que "a sociedade que estamos construindo é absolutamente incompatible co maltrato ás mulleres. Pero, neste obxectivo, aínda queda moito camiño por percorrer. Por desgraza, as violencias ás mulleres prodúcense acotío, en case todos os ámbitos da vida e baixo distintas formas: discriminación, vexación, dominio, ameaza, acoso, enmudecemento, privación..."