COMPOSTELA EN NEGRO 2020

Neste ano tan complexo tratamos de adaptar a Acción Compostela en Negro ás circunstancias que nos rodean, como apuntou a concelleira Mercedes Rosón, "nun ano triste, gris, marcado polas consecuencias sanitarias e socioeconómicas dunha terrible pandemia que afecta a todo o planeta, a Covid-19 está sementando, se cabe, máis desigualdade, o que nos obriga a intervir e ser máis proactivas que nunca”.

Entre as accións que se levaron a cabo este ano, e debido a que non se podía realizar un reparto de material como nos anos anteriores, contamos co Colexio de Farmacéuticos da Coruña para distribuir 5400 máscaras ‘Contras as violencias’. Sumáronse a esta colaboración trinta farmacias da cidade. Tamén se distribuiron máscaras cos lemas: ‘Loito contra o machismo’, ‘Non é non’ e ’Sempre libre e viva’ entre os colectivos de mulleres e colectivos LGTBI do concello.

Moitos establecementos cubriron os seus escaparates de negro, reciclando os materiais de anteriores anos, así como os lugares de traballo, como símbolo de loito e tamén de loita contra todo tipo de violencias contra as mulleres polo mero feito de selo.

 

Compostela en negro dende a casa

Púxose en marcha a microweb #EnNegroDendeACasa. Un proxecto de sensibilización no que colaboraron o Colexio de Psicoloxía de Galicia e o Colexio de Traballo Social. A través desta web queremos potenciar os coidados fronte as violencias, tratando de facilitar o diálogo por medio da correspondencia. Se queres podes retarte ti mesma/o a cumprir un obxectivo ou invitar a alguén a que o cumpra! 

Para participar só tes que:

  • rexistrarte con nome e mail
  • seleccionar unha postal
  • enviarlla quen ti queiras ou asumir ti mesmo/a o reto
  • a quen lla envías accede á web e completa o reto
  • logo comparte nas redes sociais para que máis xente poda coñecer a iniciativa!

 

O mércores 25N leuse o Manifesto, consensuado entre todos os grupos políticos con representación no Concello de Santiago, remataba co compromiso da Corporación Municipal na promoción de medidas a favor dunha igualdade real e efectiva, "actualizando estudos sobre a situación das violencias de xénero, desenvolvendo políticas en materia de igualdade no ámbito preventivo e educativo, achegando recursos económicos, e impulsando campañas que traballen pola erradicación das violencias de xénero co fin de situar esta problemática no centro da axenda política local".

Á mesma hora estreábase nas redes sociais o vídeo performance "Loito contra o machismo", dirixido por Uqui Permui, que contou coa artista Mónica Mura para cubrir de forma simbólica de negro compostela. Un gran lenzo negro percorreu toda a cidade, como símbolo de loito e de loita e a modo de baliza protectora, entra e sae das casas, unindo á veciñanza. Compostela libre de violencias machistas.

E ás 16:30 h. no Centro Sociocultural de Santa Marta, presentouse o documetal de 16' "Eu tamén fago autocrítica" de Cruz Dafonte. Trátase dun documental no que oito homes do rural reflexionan sobre a loita contra o machismo cuestionando hábitos e comportamentos que forman parte das súas realidades cotiás. No vídeo participan José Manuel Pichel Patiño, concelleiro de Medio Rural; Gustavo Couto Rodríguez, profesor de música e baile tradicional; Antonio Ramón Fernández González, membro da directiva de FERUSA; e Presidente da Asociación de Veciños Camiño de Santiago; Evaristo Ben Otero, concelleiro do PP; José Puente Iglesias, marido dunha participante nos obradoiros de empoderamento; Xosé Quintáns Couselo, profesor de cociña e Rafael Peña Vidal, activista sindical e ex concelleiro de Medio Rural no anterior mandato; e Óscar Montero Colón, presidente da Asociación de Veciños Santa Mariña de Berdía.

Ademais dos participnates na peza, asistiron ao acto varias mulleres das parroquias de Compostela que participan nos obradoiros de apoderamento que impulsa a Concellaría de Igualdade, Mercedes Rosón (Concelleira de Igualdade), Javier Fernández (concelleiro de centros socioculturais) e José Manuel Pichel (concelleiro de medio rural).

O RURAL DE COMPOSTELA LOITA CONTRA O MACHISMO!