COMPOSTELA EN NEGRO 2019

Desde a Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago faise un chamamento á participación de toda a cidadanía na campaña Compostela en Negro, que un ano máis volverá tinguir a cidade de negro ao redor do 25 de novembro para denunciar a lacra das violencias machistas.

Esta acción colectiva nacida en 2015 na capital galega insírese dentro da campaña xenérica En Negro, á que se foron sumando máis de cen concellos galegos desde o seu comezo hai catro anos.

PROPOSTAS e CONSELLOS para participar:

  • Se xa participaches nas anteriores edicións reutiliza os materiais para vestir de negro o teu escaparate, espazo público, posto no mercado, restaurante, hotel, comercio, biblioteca, libraría, froitaría, tenda de roupa...
  • Se é a primeira vez que participas, podes recoller material para vestir o teu comercio, entidade ou asociación no CIM (Centro de Información ás Mulleres, edificio de Servizos Sociais en Galeras) en horario de 9 a 14h e de 15.30 a 19h a partir do luns 18 e ata o venres 22.
  • Queremos unha Compostela libre de violencias machistas e gustaríanos que te implicases como veciña, habitante ou estudante na visibilización e denuncia das violencias machistas, sobre todo entre o 21 e o 25 de novembro. Viste de negro a túa ventá, balcón, a fachada do teu edificio... A imaxinación é benvida! Prende roupa negra en sinal de dor e de rexeitamento, ou para sinalar os espazos libres de violencias machistas, porque queremos 'Mulleres sempre libres e vivas'. Explica a acción na túa comunidade veciñal, no teu barrio, na túa entidade, na túa facultade, na túa biblioteca...
  • A educación e a prevención son medidas esenciais para frear as violencias exercidas contra as mulleres. Por iso o lema central que acompañará as accións de Compostela en negro será ‘Contra as violencias machistas, educación’. Desde a Concellaría de Igualdade invitouse aos centros escolares a sumarse á campaña colocando a lona negra na fachada do edificio e vestindo de negro (e se chove, con paraugas negros) o 25N, de 11 a 12 h, na praza do Obradoiro, durante a concentración e lectura do manifesto.

A maiores, convidouse ás escolas e institutos a participar dun xeito máis activo e expresar o rexeitamento ás violencias machistas a través das súas propias creacións para seren lidas ou representadas o propio 25N no Obradoiro (máis información no correo cim@santiagodecompostela.gal).

  • En Compostela haberá unha acción específica este ano dirixida ao tecido empresarial compostelán coa colaboración da Asociación Empresarial do Polígono do Tambre que presentaremos polo miúdo na semana do 18 de novembro.

Desde a campaña xenérica dirixida a toda Galicia, En Negro, convídase a que as empresas, colectivos, centros escolares e IES que se queiran adherir produzan material ou realicen algún tipo de acción (obradoiros, charlas…) co fin de difundila (aquí o enlace de adhesión á campaña).

  • Posiciónate contra as violencias machistas nas redes sociais. Comparte a túa foto, cos teus lemas e denuncias... E envíanolas a territoriodasmulleres@gmail.com para crear un gran álbum de fotos! Tamén podes etiquetarnos no Facebook (@territoriodasmulleres) , en Twitter (@CompostelaTM) ou en Instagram (@compostelatm) e empregar os cancelos #CompostelaEnNegro #GaliciaEnNegro #EnNegro2019 #EnNegroContraAsViolencias
     

Mantente ao tanto das actividades deste 25N no apartado de NOVAS