Compostela en negro 2018

Compostela volve tinguirse de negro este novembro para berrar contra as violencias machistas. A presenza na cidade dun autobús completamente tinguido de negro foi o pistoletazo de saída da campaña "En negro contra as violencias", deseñada polo Concello de Santiago de cara o 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas. Este autobús “en negro”, da empresa Castrosua, circulará pola Liña 1 e percorrerá barrios e parroquias a fin de chegar ao rural. Precisamente é no rural compostelán onde se levarán a cabo diversos talleres e actividades dirixidos ás mulleres que completarán os obradoiros de empoderamento xa en marcha nalgunhas parroquias.

Tamén na primeira semana de novembro, os días 8 e 9, o Centro Cívico das Fontiñas acolle unhas Xornadas técnicas sobre delitos contra a integridade sexual, organizadas polo Concello de Santiago en colaboración co Grupo de Cidadás Inquietas de Compostela. O obxectivo é mellorar a coordinación entre profesionais do ámbito educativo, sanitario, social e xudicial que interveñen en delitos sexuais no Partido Xudicial de Santiago de Compostela.

Do 12 ao 16 de novembro realizarase o reparto de materiais aos establecementos que confirmen a súa adhesión a "Compostela en Negro" a través deste formulario. Entre o 19 e o 23 de novembro haberá varios puntos de reparto nalgúns equipamentos municipais como a Casa das Mulleres Xohana Torres ou o CIM, onde a poboación poderá recoller material da campaña co obxectivo de cubrir de negro a cidade ata o 25 de novembro. Para máis información pódese consultar a web de En Negro Contra As Violencias.

Marcela Lagarde
O 19 de novembro será o día das Conversas Feministas con Marcela Lagarde. A recoñecida antropóloga, investigadora e catedrática da UNAM, Marcela Lagarde é autora de numerosos estudos de xénero, feminismo, desenvolvemento humano, autonomía das mulleres, etc. Acuñou o termo feminicidio para describir a situación da violencia contra as mulleres en Ciudad Juárez, que logo se estendeu por todo o mundo. A cita é na Sala Capitol a partir das 19:30 horas.

 

 

Implicación dos IES
O 23 de novembro, a praza do Obradoiro volverá ser un dos puntos centrais da campaña. Con ese obxectivo cubrirase de negro e implicarase aos institutos da cidade, de tal xeito que cada un elixirá un alumno ou alumna para que dean lectura a unha parte do manifesto institucional contra as violencias machistas. Tamén se realizará unha performance por parte do Colectivo LAG que leva por título "Ata que a morte nos separe".

Campaña transversal
A loita contra as violencias e a procura da igualdade real entre homes e mulleres é unha cuestión que vai máis alá do departamento de Igualdade. Por iso, dende as concellarías de Deporte ou de Acción Cultural estanse a levar a cabo accións que forman parte da campaña.

No caso de Acción cultural, o Auditorio de Galicia acollerá, dentro do festival de cinema Cineuropa, a proxección de varios filmes procedentes do arquivo feminista Simone de Beauvoir de París. Así, o 24 de novembro, as 19:30 horas, proxectarase Sé fermosa e cala, e o 25 de novembro Maso e Miso van en barco (18:45 horas) e, a partir das 20:00 horas, A marcha das mulleres a Hendaia, LIP: Monique et Christiane e Violación conxugal, violación a domicilio.

Ademais destes filmes, hai un ciclo específico que leva por nome "O presente é muller" no marco do programa W@marts e que ten como obxectivo visibilizar as mulleres cineastas e directoras. Así, proxectaranse en varios espazos e durante varios días 1048 lunes/1048 lúas, Conversaciones alrededor de un piano que vino de Europa, Cabanas. Mujeres en revolución, Julia y el zorro, Kazarken: en creusant, Khrustal/Cisne de cristal, La cena blanca de Romina, Las hijas del fuego, Luz obscura, Marlina asasina en catro actos, Primas e Tempo común.

En canto a Deporte, o Estadio Municipal de San Lázaro tinguirase de negro coa colocación dunha lona na grada de preferencia que os e as afeccionadas da SD Compostela poderán ver durante o partido que enfrontará ao equipo da cidade co Choco o vindeiro 18 de novembro. Tamén o Santiago Futsal volve sumarse á campaña vestindo de negro no partido que o enfrontará ao Rivas o vindeiro 25 de novembro. Por último, o departamento de Mocidade colabora coa campaña coa colocación, no Centro Xove da Almáciga, dunha banda deseñada elaborada tras a presentación do estudo sobre as violencias machistas na adolescencia temperá.

Autobús En Negro Contra as Violencias
No marco da campaña do 25N "Compostela en Negro" organizáronse intervencións no rural e en diversos barrios composteláns do Bus En Negro Contra as Violencias: Laraño, Fontiñas, Enfesta, Bornais e Conxo

 

 

Bornais

 

Enfesta

 

Fontiñas

 

Laraño

 

Conxo

 

102 concellos
"En negro contra as violencias" naceu en 2015 da man do Concello de Santiago coa posta en marcha da campaña local "Compostela en negro", na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio. Eles convertéronse nos propios embaixadores da campaña, co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo... En definitiva: vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista.

Partindo desta práctica inicial, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social da campaña, en 2016, dezaseis concellos máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña "En negro contra as violencias", xa a nivel galego. Neste 2018, son 102 os concellos adheridos que traballan por situar na axenda política esta loita. Tamén se sumaron tres deputacións provinciais.