Toponimia urbana de Compostela, un ámbito de igualdade?

15 de Febreiro de 2017
por: María Novas

Segundo amosan os datos, a toponimia urbana de Santiago escenifica un ámbito de desigualdade, representando o total dos viarios que homenaxean á figuras femininas unha porcentaxe do 9.2%, un terzo dos que homenaxean figuras masculinas (27.1%).

Así mesmo, atopamos que a ampla maioría de topónimos urbanos femininos están referidos a figuras relixiosas (que  non a personalidades históricas eclesiásticas vinculadas aos estamentos de poder); falamos de santas, virxes, señoras do, fillas de, irmás ou personaxes bíblicas, reafirmándose deste xeito o rol asignado historicamente a través dos séculos segundo o seu xénero. Este feito contrasta co caso masculino, no que o motivo principal de recoñecemento ten que ver con méritos de persoeiros civís:  homes relacionados con postos de poder ou recoñecidos intelectuais e profesionais, representando no seu caso unha mostra de perfiles moito máis variados e diversos que os das mulleres.

A recente adición de figuras intelectuais femininas ao rueiro compostelán no ano 2007 salva á cidade de achegarse ás porcentaxes aínda máis agravadas doutras cidades galegas. Se ben ao realizar unha análise a nivel estatal, compróbase que o panorama é de xeito xeneralizado moi desfavorable, aproximándose sempre as porcentaxes de topónimos urbanos femininos a un terzo dos masculinos.

Este feito amosa, nunha realidade humana aproximadamente constituída por unha porcentaxe paritaria de mulleres e homes, un nesgo androcéntrico e imparcial na metodoloxía de recoñecemento. Isto implica necesariamente mecanismos de peche e exclusión que limitan e restrinxen a incorporación e visibilidade das mulleres, e que cumpre analizar e reparar.

A memoria do espazo público é de todas e de todos, é unha ponte entre o pasado e o futuro que temos a obriga de resignificar na promoción dunha maior xustiza social. Na construción dun territorio inclusivo e diverso, debemos recoñecer e visibilizar as distintas identidades grupais das persoas que o habitan. Só así poderemos camiñar e constituír un espazo público que sexa, dunha vez por todas, un ámbito de igualdade.

[Arquivo completo en descargas]