Santiago Teijelo gaña o Premio Xohana Torres en creación audiovisual por "Filucha de Taramancos"

9 de Marzo de 2020
por: TM

O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu este luns o acto de entrega do Premio Xohana Torres, que na súa modalidade de creación audiovisual recaeu en Santiago Teijelo Vázquez, polo seu traballo "Filucha de Taramancos". O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu a cerimonia, conducida pola concelleira de Igualdade, Noa Díaz, e que tamén contou coa presenza doutros/as integrantes da Corporación. Ricardo Rivera foi o encargado de ler a acta do xurado e a técnica de igualdade Gloria Novo desvelou o nome do gañador.

Santiago Teijelo levou o premio na categoría de creación audiovisual polo seu traballo "Filucha de Taramancos". Del o xurado destacou "a valoración da figura feminina, o esforzo que hai detrás e a recuperación dunha tradición esquecida". Para el é o premio de 2.500 euros, que cubrirán os dereitos de edición da obra por parte do Servizo de Publicacións da USC.

Na modalidade de ensaio, a gañadora foi Ana Garrido González, pola súa obra "Da viúva do vivo á muller navegante", pero non poderá recibir o premio ao non estar presente no acto, algo obrigatorio segundo determinan as bases do certame.

Premio Xohana Torres
A esta convocatoria do Premio de Ensaio e Creación Audiovisual Xohana Torres podía concorrer calquera persoa física ou agrupacións de persoas sen personalidade xurídica e os traballos debín tratar da participación social e política das mulleres e ter como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Podían ser ensaios literarios ou científicos, mais tamén pezas audiovisuais sobre as mulleres galegas. Cada premio, nas modalidades de ensaio e de creación audiovisual, estaba dotado con 2.500 €, para cubrir os dereitos de edición das obras por parte do Servizo de Publicacións da USC.

O Premio Xohana Torres recuperouse en 2016 tras varios anos sen convocarse e co obxectivo de recuperar a memoria histórica das mulleres de Compostela. Foi instituído no ano 1993 e, tras 17 edicións, decidiuse abrir o premio ao ensaio, tanto literario como científico.