Santiago celebra o Día Internacional da Muller coa lectura dun manifesto e co fallo do Premio Xohana Torres

8 de Marzo de 2023

O Concello de Santiago conmemorou hoxe o Día Internacional da Muller cun acto institucional no que a concelleira de Igualdade e representantes dos grupos municipais que integran a Corporación deron lectura a un manifesto. Tamén se celebrou a cerimonia na que se deu a coñecer o fallo do premio Xohana Torres, que recaeu na súa modalidade de creación audiovisual en Rosalía Quiroga, polo seu traballo "Mal Olladas".

A praza do Obradoiro acolleu ás 11:30 h a lectura dun manifesto que abriu a concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, seguida polas intervencións das concelleiras do BNG, Goretti Sanmartín, de CA, María Rozas, do PP, María Castelao e con peche de novo a cargo de Mercedes Rosón.

Con esta declaración pública, os membros da Corporación municipal quixeron "celebrar e reivindicar o Día Internacional das Mulleres", xa que a pesares de que "Compostela sempre estivo á vangarda da loita contra a desigualdade", cómpre "afianzar todos os avances conseguidos".

Tamén se fixo unha mención especial aos "colectivos máis vulnerables onde as mulleres se atopan en situacións de discriminación múltiple: por seren mulleres e por teren unha discapacidade, ser dunha raza ou etnia concreta, ter unha determinada idade ou vivir e traballar fóra das grandes cidades ou núcleos de poboación". Ademais, salientouse, a nivel laboral, as condicións de traballo das mulleres continúan a ser peores que as dos homes, "tendo pouca presenza en determinados sectores profesionais e en cargos de dirección empresarial". Concretamente en Santiago, "é preocupante a fenda de xénero persistente no desemprego feminino, unha fenda que non se reduce ano tras ano".

O manifesto tamén reiterou a "obriga desde os poderes públicos de dar resposta" ás violencias de xénero, "a cara máis escura da desigualdade", así como continuar desde o ámbito local co "compromiso de construír unha sociedade igualitaria, que garanta os dereitos de todas as persoas, así como a participación activa na vida local".

Pechou a lectura o concelleira Mercedes Rosón, recordando que "o feminismo é un proxecto de país, un proxecto de respecto pola diversidade; un proxecto colectivo e necesario para vencer as desigualdades. Un proxecto que se chama igualdade, e que todas e todos debemos construír en unidade a harmonía. A igualdade ten que ser concebida como un obxectivo transversal a permeabilizar todos os ámbitos da vida e todas as políticas. E o feminismo, é unha ferramenta fundamental para elo".

Premio Xohana Torres

Os actos de conmemoración do Día Internacional da Muller arrancaron xa ás 10.30 h no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, que acolleu o acto de entrega do premio Xohana Torres, nunha cerimonia conducida pola concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, e que tamén contou coa presenza doutros/as integrantes da Corporación. A administrativa María Jesús Taboada foi a encargada de ler a acta do xurado e desvelar o nome da gañadora que nesta edición recaeu, na súa modalidade audiovisual, en Rosalía Quiroga polo traballo "Mal Olladas", unha peza que recibirá o galardón dotado con 2.500 euros. A propia autora explicou que a obra galardoada trata "o proceso de caza de bruxas nos comezos da Idade Moderna" a partir de entrevistas con mulleres do Baixo Miño e pretende afondar nos "estereotipos sobre as mulleres e as identidades disidentes".

O xurado, integrado pola edila de Igualdade e as profesoras da USC Erika Jaráiz, Montserrat Pena, Guadalupe Jiménez, Patricia Fra, Alba Silva e Diana Peláez, considerou que a obra "Mal Olladas" cumpre todos os requisitos establecidos na convocatoria 2022. A súa autora, Rosalía Quiroga, presente no acto, recibirá o premio de 2.500 euros, que cubrirán os dereitos de edición da obra por parte do Servizo de Publicacións da USC. Na modalidade de ensaio non foi presentada ningunha proposta.

Convocatoria Premio Xohana Torres 2023

O Concello abre tamén hoxe o prazo de presentación de obras para a edición 2023 do Premio Xohana Torres de ensaio, investigación e creacións audiovisuais sobre as mulleres na sociedade galega. O prazo permanecerá aberto ata o 29 de decembro de 2023 ás 14:00 h.

A esta nova convocatoria pode concorrer calquera persoa física ou agrupacións de persoas sen personalidade xurídica e os traballos deben tratar da participación social e política das mulleres e ter como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Poden ser ensaios literarios ou científicos, mais tamén pezas audiovisuais sobre as mulleres galegas.

Cada premio, un na modalidade de ensaio e outro na modalidade de creación audiovisual, estarán dotados con 2.500 €, que cubrirán os dereitos de edición das obras por parte do Servizo de Publicacións da USC.

CONVOCATORIA PREMIOS XOHANA TORRES 2023