Punto Lila de información e atención sobre violencias machistas

24 de Xullo de 2018
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

Compostela e as festas do Apóstolo contan por primeira vez cun Punto Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais, a disposición de todas as mulleres que se acheguen á cidade ou participen nos festexos.

O espazo de asesoramento e atención está situado na praza do Toural, aberto cada día ata o 31 de xullo en horario de 12:00 a 14:00 e de 20:00 a 02:00.

"Trátase dunha iniciativa que se leva a cabo por primeira vez na nosa cidade e que ten fundamentalmente dous obxectivos. Dunha banda, sensibilizar e lembrar á cidadanía que nas festas a igualdade e o respecto deben sempre estar garantidos, e doutra, ofrecer información, acompañamento e primeira atención a calquera muller que poida vivir un episodio de violencia machista durante as festas do Apóstolo", sinalou a concelleira de Igualdade, Marta Lois.

A coordinación do Punto Lila corre a cargo do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Compostela, co apoio dun equipo de sete psicólogas especialistas en violencia de xénero. Este espazo está orientado a informar e tamén a realizar o acompañamento no caso de que unha muller teña sufrido unha agresión, do tipo que sexa.

Que facer

O Concello de Santiago vén de editar un díptico con información relevante no caso de que algún veciño ou veciña se atope cunha muller que pide axuda ou poida ter sido vítima dalgunha agresión de tipo sexual.

No escrito recóllense algúns consellos, como achegarse á persoa que puido ser agredida, preguntarlle como se atopa e se precisa axuda. Recoméndase crer sempre o que traslade e non cuestionala nin facer xuízos de valor, ao mesmo tempo que se suxire non deixala soa e crear un espazo de seguridade para ela. No díptico tamén se inclúen consellos como preguntarlle que facer e respectar a súa decisión, axudarlle a contactar con alguén de confianza e chamar á Policía Nacional (091) ou á Policía Local (092).

Entre as recomendacións que se poden ler no escrito está a de adoptar unha actitude activa fronte ás agresións sexistas, o respecto coas diversas identidades e expresións de xénero e a tolerancia cero ante comportamentos machistas. As bromas sexistas, o control ou os celos son acoso.

O Concello de Santiago tamén incluíu no programa das festas unha ducia de consellos onde se rexeita calquera tipo de discriminación e se aposta por unha Compostela e un Apóstolo libres de violencias machistas.