O Concello de Santiago súmase á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI

1 de Xullo de 2019
por: TM

O Concello de Santiago sumouse o pasado 28 de xuño á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI. Membros do goberno, entre eles o alcalde e a concelleira de Igualdade, Noa Díaz, e da corporación asistiron na praza do Obradoiro á lectura dun manifesto no que o movemento pola diversidade afectivo-sexual e de xénero de Compostela reclamaba o dereito "a ser, a sentir, a expresarmos, a vivir con dignidade, a non sermos cuestionadas, a non encasillarnos nun sistema binario e pechado e a amar a quen e como queiramos".

Leron o manifesto Daniela Ferrández, de Amizando; Estela Malvido de Avante LGTB; e Enrique Latorre, de Ultreia. Nel expresan o seu rexeitamento ao actual modelo de sociedade "heteropatriarcal, baseado na división sexual do traballo" que sustenta, din, "un sistema dividido en dúas categorías diferenciadas e opostas, maculinidade e feminidade, que non ten en conta as diferenzas. E denuncian as "violencias cotiás" que sofren por ser diferentes, alentadas polo "discurso da ultradereita". Miradas, comentarios, humillacións, e incluso agresións aos que se suman outro tipo de violencias institucionais, e as dificultades na busca de traballo.

Precisan din, compromiso das institucións, dos concellos, para avanzar en materia de igualdade, para "mudar a sociedade e saír dun patriarcado cara un feminismo máis amplo e inclusivo; avanzar desde unha situación de desigualdade e pobreza, cara a xustiza social". O manifesto remata sinalando que "precisamos do compromiso das institucións máis alá de pequenas mostras simbólicas. Demandamos mudanzas que melloren a nosa calidade de vida, e querémolas xa. Nin un paso atrás!". O acto rematou co izado da bandeira do colectivo trans no alto do Pazo de Raxoi.