O Concello de Santiago recorda a importancia de ter en consideración os roles de xénero á hora de mercar os agasallos de Nadal coa campaña E ti, a que xogas?

15 de Decembro de 2021

A concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá a campaña de sensibilización "E ti, a que xogas?" deseñada por Compostela Territorio das Mulleres para chamar a atención da sociedade compostelá sobre a importancia capital que teñen os xoguetes que reciben as crianzas como agasallo de Nadal á hora de construír unha cidade e un mundo máis igualitarios.

"Esta campaña diríxese ao público en xeral e moi especialmente ás familias", explicou Mercedes Rosón, "co obxectivo de promover a reflexión sobre como os agasallos poden reforzar ou rachar cos estereotipos sexistas". "É", asegurou, "un convite a participar con boas prácticas que contribúan tamén a construír un mundo que non divida nin limite as capacidades e posibilidades de nenas e nenos". O lema da campaña, "E ti, a que xogas?", reflexiona sobre como o xogo do presente constituirá a persoa adulta do futuro, poñendo en relevo a importancia na selección dos xoguetes e dos xogos como elementos decisivos na construcción da identidade, como un elemento fundamental de socialización e desenvolvemento persoal.

Os xoguetes seguen estando divididos por sexos nos catálogos e nos corredores dos comercios. Xa non hai seccións que digan "para nenos" ou "para nenas", porque en realidade non fai falta. As cores seguen levando a cabo esta división binaria aínda que sexa de maneira implícita. E non só nas cores, senón que este binarismo reflíctese ademais nunha diferenza de gustos, afeccións, roles, profesións, etc. Segundo o último informe do Instituto da Muller, titulado Publicidade e campañas do Nadal de xoguetes: Promoción ou ruptura de estereotipos de roles de xénero, a publicidade de xogos e xoguetes amosa as nenas en arquetipos femininos de beleza ou de coidado e os nenos cun rol profesional de piloto, científico ou heróe.

A través desta diferenciación sexista entre xoguetes, as nenas e os nenos percíbense como protagonistas de historias ben diferenciadas e estancas, que lles explican cales son as funcións de cada quen segundo o seu xénero. O primordial para as nenas é estar guapas, limpar a casa e coidar do bebé e o primordial para os nenos é ser arriscados, valentes, líderes. "Lamentablemente", salientou Mercedes Rosón, "estas opcións parecen excluíntes e parece que nin as nenas nin os nenos poden acceder a ambos os mundos e moito menos mesturalos". "Por que non poden as nosas crianzas", reflexionou, "decidir libremente os seus mundos, construír o futuro que máis lles guste, independentemente do seu sexo?".

Isto impacta en cuestións trascendentais, como a presenza das mulleres nas carreiras científicas ou STEM (Science, Techonology, Engineering, Mathematics) e, tamén, na menor práctica de determinadas habilidades -como a competencia lingüística- que sofren os nenos, ao ser privados de xogos e xoguetes pensados para o xogo simbólico, que motivan a desenvolver o vocabulario, as expresións e a creatividade oral. O rol de heróe adoita estar máis relacionado coas habilidades físicas e favorece máis ben o uso de onomatopeias relacionadas coa velocidade, cos golpes, cos animais ou coas pelexas.

A campaña "E ti, a que xogas?" fai un chamamento explícito ao papel das familias, convidándoas a construír unha conciencia crítica sobre a capacidade que teñen os xoguetes que lles ofrecemos aos nosos fillos e fillas para axudarlles a proxectarse no futuro, reducindo o abano de posibles roles dispoñibles para eles e elas. “O xogo de hoxe será o rol de mañá”, din os carteis que dende mañá mesmo poderán verse nun total de 67 establecementos do eido cultural, hostaleiro, comercial e do sector restauración que a día de hoxe se atopan adheridos ao programa municipal Compostela Territorio das mulleres. Estes establecementos repartirán, tamén, 5000 pegatinas que lle lembrarán á súa clientela a importancia da escolla de xogos que fomenten actitudes de respecto activo, tolerancia, cooperación e igualdade.

Compostela, Territorio das Mulleres conta co apoio do programa #ReviveSantiago, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea "Unha maneira de facer Europa".