Manifesto 25 de novembro, Día internacional contra a violencia machista

25 de Novembro de 2019
por: TM

A praza do Obradoiro acolleu na mañá do 25 de novembro a lectura dun manifesto con motivo da celebración do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A Corporación presidiu esta cerimonia, na que se leu un manifesto institucional e na que diversos centros escolares representaron proxectos realizados para a ocasión dentro dun certame organizado polo Concello.

O manifesto afirma o compromiso do Concello de Santiago na "loita pola erradicación das violencias contra todas as mulleres" e no seu combate "con todos os recursos dispoñibles". Incide na necesidade de "incluír ás institucións, axentes sociais, medios de comunicación, comunidade educativa e á cidadanía en xeral neste compromiso e no rexeitamento á complicidade de que acubilla e silencia estas violencias". Ademais, recoñece "a importancia do papel das entidades locais en tanto poderes públicos próximos ás realidades que viven as mulleres, nenos e nenas", polo que resulta necesaria "a inclusión e o recoñecemento como violencia de xénero na lexislación e na atención integral, de todos estes tipos de violencias machistas".

Baixo o lema "Contra as violencias, educación", a campaña municipal do 25N quixo este ano poñer o foco no ensino e nos máis novos e novas. "Compre atallar ás causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas reais para a promoción da igualdade e a prevención das violencias, contemplar recursos humanos e económicos para o seu correcto desenvolvemento no ámbito da xustiza, da sanidade, da administración e sobre todo da educación", afírmase.

Na lectura houbo un especial recordo a "María José, Sandra, Alba e María Elena, en Valga, e Mari Carmen en Vilalba", as mulleres asasinadas este ano en Galicia, que se suman a 48 mulleres máis, que segundo as cifras oficiais, foron asasinadas este ano en España como consecuencia da violencia machista.

O acto foi conducido pola concelleira de Igualdade, Noa Díaz, e leron o manifesto as concelleiras Goretti Sanmartín (BNG), Marta Lois (Compostela Aberta) e María Antón (PP). Rematou a lectura o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo.

TEXTO DO MANIFESTO:

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, entende por violencia de xénero calquera acto violento ou agresión baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relación de dominación dos homes sobre as mulleres que teñan ou poidan ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público como na vida familiar ou privada”.

María José, Sandra, Alba e María Elena, en Valga, e Mari Carmen en Vilalba, foron asasinadas este ano en Galicia. A elas hai que sumarlle, segundo cifras oficiais, 48 mulleres máis, vítimas da violencia machista. A rabia e o desconsolo fainos seguir avanzado nesta andaina, e empúrranos a vestir de negro como símbolo de loito, pero tamén de loita.

O asasinato é a última e máis extrema das violencias machistas, pero son moitas outras e de moi diferentes formas as que rodean e perseguen as mulleres: agresións sexuais, explotación sexual, acosos, transfobias, etc ; violencias que sofren cada día polo simple feito de seren mulleres. Nos últimos tempos atopámonos coa dobre agresión que sofren as vítimas de violación en grupo, e un sistema de protección penal que a miúdo non considera nos seus xustos termos a situación de indefensión ante os agresores.

Tendo en conta o Convenio de Estambul, ratificado por España en agosto do 2014, faise necesaria a inclusión e o recoñecemento como violencia de xénero na lexislación e na atención integral, de todos estes tipos de violencias machistas.

Para afrontar todas estas violencias é preciso recoñecer as graves fendas de xénero existentes na nosa sociedade en todos os ámbitos. Cómpre atallar as causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas reais para a promoción da igualdade e a prevención das violencias, contemplar recursos humanos e económicos para o seu correcto desenvolvemento no ámbito da xustiza, da sanidade, da administración e, sobre todo, da educación.

Por todo isto, desde o Concello de Santiago de Compostela, este 25 de novembro queremos reiterar o compromiso na loita pola erradicación das violencias contra todas as mulleres, e combatelas con todos os recursos dispoñibles; e incluír ás institucións, axentes sociais, medios de comunicación, comunidade educativa e á cidadanía en xeral neste compromiso e no rexeitamento á complicidade de quen acubilla e silencia estas violencias; recoñecendo a importancia do papel das entidades locais en tanto poderes públicos próximos ás realidades que viven as mulleres, nenos e nenas.

CONTRA AS VIOLENCIAS, EDUCACIÓN!!!!!!!!!