Fallo do II Premio Xohana Torres na modalidade audiovisual e publicación das bases da terceira edición

18 de Abril de 2018
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

O xurado do II Premio Xohana Torres na súa edición de 2017 acordou, por unanimidade, outorgar o premio na modalidade de creación audiovisual á obra titulada Concha Castroviejo. Arelas de Liberdade, realizado por Aurora Marco e Pablo Ces. No acto presidido polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e conducido pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, tamén se presentaron as bases da terceira edición de 2018.

No fallo deste galardón orientado á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela, tívose en conta a calidade e guión do traballo, as entrevistas realizadas, a incorporación de datos biográficos e históricos así como os méritos creativos, técnicos e documentais que concorren nesta obra audiovisual. A súa creadora Aurora Marco tamén destacou sobre o traballo realizado co seu fillo, a súa vontade de devolver a entrega das mulleres pola loita feminista a través desta posta en valor da figura de Concha Castroviejo, pioneira crítica literaria e novelista compostelá.

 

Tráiler de Concha Castroviejo. Arelas de liberdade

A nova edición do III Premio Xohana Torres de 2018, ao igual que as pasadas, esta dirixido tanto a ensaios literarios ou científicos como a traballos audiovisuais que teñan como finalidade explorar a historia social e política das mulleres compostelás. Tal e como versan as bases, o premio ábrese á participación de calquera persoa de Galicia e o prazo está aberto ata o 31 de decembro de 2018.

Este galardón anual foi recuperado o ano pasado con motivo do Día Internacional das Mulleres grazas a un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela e conmemora a figura de Xohana Torres. A recoñecida poeta, dramaturga e novelista nada en Santiago de Compostela en 1931 e falecida o ano pasado, ingresou na Real Academia Galega como académica numeraria o 27 de outubro de 2001 co discurso titulado "Eu tamén navegar".

Vídeo íntegro de Concha Castroviejo. Arelas de liberdade