Das mulleres xitanas para todas as mulleres

6 de Abril de 2018
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

A Fundación Secretariado Xitano e Agareso en colaboración con Obra Social "laCaixa" e a Concellería de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago poñen en marcha a campaña "Das mulleres xitanas a todas as mulleres: loitemos por cambiar os tempos", que busca visibilizar as mulleres xitanas no noso municipio. 

Dentro desta iniciativa, enmarcada no Día Internacional do Pobo Xitano que se celebra o 8 de abril, destaca a estrea da curta Marcando la diferencia, creada e protagonizada por dez mulleres xitanas de Santiago. Este documental presentarase o venres 6 de abril, a partir das 18:00 horas no CSC das Fontiñas e é froito do traballo de Lurdes, Pilar, Amparo, Verónica, Saray, Dolores, Sabrina, Rebeca, Encarna e Tamara, que os pasados meses de xaneiro e febreiro realizaron un obradoiro de vídeo participativo impartido pola ONGD Agareso, dentro do proxecto Promociona, capitaneado pola FSX e que conta coa colaboración da Obra Social "laCaixa". 

Estas dez mulleres xitanas construíron a súa mensaxe a través de varios exercicios audiovisuais nos que xurdiron temas como a integración, a interculturalidade, a solidariedade e o respecto, reclamandoos de xeito colectivo dende unha identidade xitana orgullosa e en plena evolución. A campaña xurdiu a partir do obradoiro realizado.

As caras de oito destas mulleres valentes protagonizan os carteis que inundan estes días os parques, as rúas e os buses urbanos de Compostela, así como os centros socioculturais e educativos da cidade. Neles, diríxense, principalmente, ás mulleres, de toda raza e condición. Pídenlles que "loitemos por cambiar os tempos" e recórdanlles que, para facelo, poden contar coas mulleres xitanas. Que baixo a súa pel e ollos escuros, teñen moito que dicir. Son loitadoras, familiares, orgullosas e traballadoras. Poden, elas e calquera outra muller, defender un traballo como calquera. Un traballo digno. Están criando aos seus fillos e fillas para que non perdan a súa identidade, pero "marcando a diferenza": con estudos, respecto, saúde e liberdade. 

Os símbolos xitanos máis coñecidos son a bandeira, o himno Gelem, Gelem, a celebración do 8 de abril (Día Internacional do Pobo Xitano), os símbolos da roda de carro e da fogueira, así como o saúdo "Sastipen" (saúde) ou "Sastipen thaj mestipen" (saúde e liberdade). A campaña inclúe a colocación da bandeira do pobo xitano, que ondeará no Pazo de Raxoi de venres a domingo.