Cuestión de Xénero: Trátase de NON + TRATA

15 de Setembro de 2021

O sábado 25 de setembro a Alameda de Santiago de Compostela acolle a intervención artística Cuestión de Xénero, dentro da semana Trátase de NON + TRATA organizada pola Rede de artistas, docentes e activistas feministas e abolicionistas da Arxentina, do 23 ao 30 de setembro, como conmemoración do Día Internacional contra o tráfico de mulleres e nenas para a súa explotación sexual da UNESCO.

Cuestión de Xénero é un proxecto artístico co que Luz Darriba pechou o Primeiro Congreso Latinoamericano sobre Trata e Tráfico de persoas, organizado en 2008 pola Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Bos Aires. A obra consistiu en rodear a emblemática Praza de Maio con 500 prendas de roupa femininas penduradas dos farois, como demanda e homenaxe ás mulleres e as nenas desaparecidas polas mafias baixo o delicto de explotación sexual.

A proposta de Luz Darriba, transmitida en directo a través de Internet, quere simbolizar a suma de forzas e a capacidade das mulleres para tender pontes contra a Trata, rendendo homenaxe ás vítimas deste terríbel delito e esixindo xustiza e a aparición inmediata das rapazas captadas polas redes mafiosas. Darriba recorda que o Estado español é o principal receptor de mulleres «tratadas» procedentes da América Latina e salienta que a súa intervención busca repudiar o accionar da maquinaria e a industria prostituínte que se cobra a vida de mulleres, persoas trans, nenas e nenos no mundo enteiro. Sen clientes non hai Trata, sen trata non hai prostitución, xa que perto do 80% das mulleres prostituídas proveñen da Trata.

Esta intervención forma parte da Semana Trátase de Non + TRATA que, a partir da performance realizada polo colectivo As Bolboretas AUGe hai seis anos na Arxentina, se foi estendendo a outros países como Chile, México, Colombia, Perú, Brasil, Italia ou España, propondo unha semana de reflexión e difusión de actividades nacionais e internacionais ligadas con accións artísticas, culturais, informativas, pedagóxicas e de análise e debate arredor do problema da Trata e do Tráfico de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.