• Lua Mosquetera
  • Papaya
  • DJ Russinha

'Concerto TM pola Igualdade'

24 de Xullo de 2019
por: Territorio das Mulleres

A Praza 8 de Marzo acollerá o día 29 de xullo a partir das 21.00 o concerto gratuíto TM Pola Igualdade co que se pretende dar a máxima visibilidade á reivindicación da igualdade nun momento de máxima afluencia en Santiago. As artistas que participan neste concerto son todas mulleres que teñen amosado a súa vinculación cos movementos en prol da igualdade: Lúa Mosquetera, DJ Russinha e Papaya.

 

Lúa Mosquetera. (Miño, 1988). Creadora multidisciplinar (poesía, música, moda), estudou e viviu en Compostela máis de dez anos. Publicou o seu primeiro libro, titulado Rasrás, en 2018, tras o cal participou en varios recitais, incluíndo sempre un factor reivindicativo e feminista nas súas intervencións. Para ela a poesía é unha arma imprescindible contra toda inxustiza. Actualmente vive en Miño onde é propietaria dun negocio de hostalería, actividade que combina coa súa labor de escritora.

 

DJ Russinha. (Compostela, 1991). A súa andaina musical comeza ao volver da cidade do Porto, onde toma contacto cos sons e ritmos de orixe brasileira, angolana e caboverdiana. Apaixonada polos ritmos negros, mergúllase nun amplo abanico de estilos musicais, como o brazil, funk, kuduro, grooves e electrónica, coa intención de facer sesións que conviden ao baile e ao desfrute. Entende a música como forma de transformación social, de visibilización de colectivos non hexemónicos e de loita, e ten o propósito de crear espazos libres de prexuízos, discriminación, acoso ou calquera tipo de violencia.

 

Papaya. Grupo creado pola canaria/chilena Yanara Espinoza, que comezou en 2014 pisando forte. O seu álbum de debut aparece en 2015 e en moi pouco tempo son recoñecidos como unha das grandes revelacións dese ano.  Colleitan premios tan prestixiosos como o “Ojo Crítico” de música moderna en RNE ou o Pop-Eye de Estremadura e convértense nunha presencia habitual en Radio 3. Reafírmanse como grupo en 2017 con “Ay mujer”, single que suscita o entusiasmo unánime do público máis variado e é “unha reivindicación da figura da muller e especialmente das nais”. En 2018 sae á luz a súa última xoia “Corazón abierto”, más influenciado pola música latina, e confírmase como un dos grupos máis persoais e potentes da actual escena musical.

 

Programa:
21 hrs. Lúa Mosquetera [poesía + reguetón]
21.30 hrs. DJ Russinha [ritmos negros e electrónica]
22.30 hrs. Concerto de Papaya [pop]
23.30 hrs. DJ Russinha [ritmos negros e electrónica]
 
Ambientación luminotécnica na praza 8 de marzo

Ademais, a praza 8 de marzo segue iluminada para amosar unha cidade comprometida coa igualdade, nun recuncho importante da mesma como é o acceso á cidade histórica polo Camiño Francés, e no marco das 'Festas do Apóstolo'. Asemade esta intervención adornará o “Concerto TM pola Igualdade”.

Datas: venres 19 a mércores 31 de xullo
Horario: 21.00 a 03.00 hrs.
Lugar: praza 8 de marzo
 

Organiza: Turismo de Santiago en coordinación coa Concellaría de Igualdade. Esta acción conta co financiamento da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e de Abanca.