Comunicado rexeitando o concerto de Kaydy Cain e condenando as mensaxes das súas cancións

8 de Febreiro de 2022

A concellaría de Políticas de Igualdade do Concello de Santiago, así como os grupos municipais de PSdeG, Compostela Aberta e BNG, manifestamos a nosa repulsa ao concerto que o cantante de trap, Kaydy Cain, ten previsto dar este xoves na nosa cidade; ao considerar que as letras das súas cancións son vexatorias e denigrantes para as mulleres. Estamos en contra de calquera cultura audiovisual e musical, como neste caso, que agrede violentamente ás mulleres e a súa dignidade.

Somos un Concello que traballa a prol da igualdade, declarado libre de violencias machistas, polo que amosamos a nosa disconformidade coa celebración de calquera tipo de acto sexista no que se faga apoloxía do machismo. Polo tanto posicionámonos en contra deste concerto, e esiximos respecto para a figura das mulleres en todo tipo de actos públicos.

Un dos principais obxectivos do Concello de Santiago, no que existe un consenso maioritario, é fomentar os valores da igualdade entre homes e mulleres e previr a violencia de xénero. Facémolo mediante a información, e promovendo a educación en igualdade desde todos os eidos de competencia municipal. Actos como este concerto son contrarios a estes valores, ás mensaxes que transmitimos, e ás accións que programamos coa finalidade de acadar a plena igualdade en todos os ámbitos: familiar, económico, social, educativo, cultural, etc. 

Por todo isto queremos expresar a nosa condena e rexeitamento a todo tipo de actos nos que se utilice, dun xeito denigrante, sexista e machista, a figura das mulleres, como é o caso  do concerto de Kaydy Cain.