Compostela lembra este 25N as vítimas da violencia machista cunha homenaxe na praza 8 de marzo

25 de Novembro de 2021

O Concello de Santiago súmase un ano máis á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller este 25 de novembro. Ás 12.00 h da mañá, asociacións feministas foron recibidas no Pazo de Raxoi polos membros da Corporación e para as 19.00 horas desta tarde darase lectura ao manifesto institucional e descubrirase unha placa en homenaxe ás vítimas desta lacra na praza 8 de marzo.

Os actos de conmoración deste día arrancaron no pazo de Raxoi coa recepción da Corporación aos colectivos feministas. Tomou a palabra en representación deles Patricia Portopaderne, que reivindicou o papel do feminismo na visibilización e denuncia da violencia machista.

Lectura de manifesto e descubrimento de placa 
Os actos continúan esta tarde na praza 8 de marzo (ás 19.00 horas) coa lectura do manifesto institucional consensuado por todos os grupos políticos e o descubrimento dunha placa en homenaxe a todas as vítimas de violencia machista.

O manifesto fai referencia á magnitude do problema: "somos conscientes de que o reto é enorme", pero lembra as vítimas "que estamos aquí para axudalas. TODOS E TODAS, sen distinción. Con información, con asesoramento xurídico e psicolóxico, acompañándoas en todo ese proceso, para que ese longo silencio de sufrimento mude cara a un futuro de esperanza, un futuro de VIDA, desplegando recursos e políticas que poñan fin a todas as violencias machistas. Afortunadamente, movementos e mensaxes como #CompostelaenNegro, #NONaviolenciadexenero #PrimAcoso, #YoSiTeCreo ou #MeToo, anúnciannos que o tempo se está esgotando para os agresores machistas".

No texto recórdase que "a sociedade que estamos construindo é absolutamente incompatible co maltrato ás mulleres. Pero, neste obxectivo, aínda queda moito camiño por percorrer. Por desgraza, as violencias ás mulleres prodúcense acotío, en case todos os ámbitos da vida e baixo distintas formas: discriminación, vexación, dominio, ameaza, acoso, enmudecemento, privación..."