Compostela, capital da diversidade sexual e de xénero

18 de Xuño de 2018
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

O Concello de Santiago sumouse á celebración do Orgullo 2018 con dous días de actividades lúdicas e de sensibilización na praza 8 de Marzo e no Matadoiro. Música, información, contacontos e unha mesa redonda para lembrar que Compostela xa é unha cidade diversa, referente da liberdade sexual e da loita contra os estereotipos de xénero en Galicia.

Baixo o nome Compostela Diversa, os colectivos LGTBI deseñaron conxuntamente coa Concellería de Igualdade unha programación marcada polas reivindicacións políticas e sociais que transcenden a propia data do Orgullo, polos festexos ao aire libre e a paticipación activa de público de todas as idades nos diferentes escenarios.

Concerto de De Vacas. Fotos: Arelas, asociación de familias de menores trans

A cita desenvolveuse arredor do Espazo Asociacións LGTBI na praza 8 de Marzo, onde os colectivos Arelas, AmiZando, Avante e Ultreia instalaron os seus postos informativos para dar a coñecer as súas organizacións mailas actividades que levan a cabo durante todo o ano.

A contadora Raquel Queizás foi unha das primeiras en subir ao palco para reclamar os mesmos dereitos e oportunidades para todas as persoas, independentemente do sexo co que nazamos ou da nosa identidade de xénero. Fíxoo cun contacontos titulado Somos iguais, historias de nenas e nenos (ou animais) que rompen os estereotipos que abundan nos contos, dirixido ao público máis cativo.

A xornada inaugural de Compostela Diversa contou tamén cunha mesa redonda na que se falou de igualdade legal e igualdade real coa mira posta no futuro lexislativo das leis trans e da lei LGTBI. No debate participaron Olalla Rodil, deputada autonómica; o avogado Miguel Vieito; a senadora Vanessa Angustia e as activistas Daniela Ferrández e Martín Vizcaíno, ademais da Concelleira de Igualdade, Marta Lois. O acto serviu para facer una análise crítica da Lei galega de Identidade de Xénero e afondar nos grandes desafíos que nos ofrece un texto aínda pendente de aprobación. No transcurso da mesa fíxose fincapé na urxencia de acabar coa patoloxización da transexualidade e na importancia de que o debate social siga vivo para construír un marco lexislativo máis sólido e respectuoso coa libre autodeterminación de xénero e a non discriminación e desigualdade sociais.

Neste sentido, as participantes reclamaron que cese dunha vez por todas a permanente infantilización das persoas trans, e que non se lance ningunha proposta normativa á marxe dos colectivos LGTBI, para así poder canalizar e implementar con éxito o seu contido.

Lectura do pregón Compostela Diversa, Orgullo 2018. Foto: Arelas, asociación de familias de menores trans

A parte máis reivindicativa de Compostela Diversa finalizou coa lectura do pregón do Orgullo 2018 a cargo dos colectivos LGTBI da cidade, que abriron o seu discurso reivindicando o dereito das persoas trans a vivir, a vivir con dignidade "nun país respectuoso que acepte plenamente a diversidade"; libres de agresións, insultos e asasinatos.

O acto máis solemne deu paso á celebración máis festiva, capitaneada polo xenio creativo de Carlos Blanco que se encargou de presentar as actuacións musicais de De Vacas, La Prohibida, DJ Moreno Moreno e Sabela King & The Heartbreakers coa mordacidade á que nos ten afeitas.

A música en directo encheu a o praza 8 de Marzo a noite do venres e volveu xuntar público de todas as idades o sábado á mañá na contorna do Espazo Asociacións LGTBI, cunha sesión vermú moi especial a cargo do grupo vigués Broken Peach, PutoChinoMaricón, artista queer asiático que combina a música pop, o humor e a ironía; Fantástica DJ, Lúa Gándara, artista plástica e cantante; e Bribatta, Bribas&Bimbatta, dous amantes da música house vocal e soulful.

O Orgullo da hostalería e o comercio

Con todas estas actividades, impulsadas polo Concello e as asociacións LGTBI, Compostela reivindícase como capital e referente da diversidade sexual e de xénero en Galicia, e comprométese a seguir traballando pola igualdade real nunha cidade máis democrática.

Neste esforzo, contará tamén co apoio dos bares, pubs e restaurantes da cidade que se sumaron ás celebracións do Orgullo 2018 con programación e deseños propios, entroutros: Curruncho, Medusa, Bicoca, Bloom, Forum, Matadero, TS- A Casa, Porrón, Miúdo e O Inferno; ademais de moitos comercios do barrio de San Pedro.