COMPIGUAL leva o traballo pola igualdade e contra a violencia aos centros de ensino da cidade

19 de Novembro de 2021

O programa COMPIGUAL, COMPostela pola IGUALdade de xénero, leva aos centros educativos da cidade a educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero nos distintos niveis do ensino non universitario, co obxectivo de fomentar a educación en igualdade desde as idades máis temperás e desde a perspectiva de recoñecemento das diversidades.

Alumnado de 4º de Educación Primaria do CEIP de Roxos e do CEIP Monte dos Postes participaron no obradoiro de socialización de xénero “A min gústame o rosa!”, no que abordaron a construción social das diferenzas entre mulleres e homes, os diferentes condicionantes de xénero e a forma en que estes se trasladan ás relacións interpersoais e sexo-afectivas. Ten por obxectivo fomentar o establecemento de relacións igualitarias entre o alumnado dende as idades máis temperás incidindo no recoñecemento da igualdade a través do respecto á diversidade (de xénero, de sexualidade, de modelos familiares, estereotipos e roles sociais etc.).

Pola súa banda, o alumnado de 4º de Educación Primaria do CPR Vilas Alborada e do CEIP de Roxos traballaron arredor das violencias machistas no obradoiro “Falemos de amor”, no que abordaron conceptos básicos como agresión, violencia, violencia contra as mulleres e as nenas, violencia machista, etc. Ademais, profundouse na desmitificación do amor romántico e nos elementos constitutivos das relacións sexoafectivas e afectivas sas.

O taller “Des-conectarse da violencia: previndo a violencia no novo contexto dixital”, no que participou o alumnado de 2º de Educación Secundaria do IES Pontepedriña está destinado a traballar o impacto das novas tecnoloxías no desenvolvemento de agresións machistas e de relacións de violencia de xénero entre a rapazada adolescente e a mocidade. Ponse a énfase na identificación de agresións sexistas na rede (ciberacoso sexista) e de actitudes de control e dominio nas relacións sexo-afectivas (cibercontrol). Á súa vez contempla entender os mitos que acompañan o desenvolvemento de relacións sexo-afectivas na adolescencia e a aparición e permisividade de condutas violentas nas ditas relacións.