Comezan as conversas na Casa Xohana Torres coa mesa redonda "Pensar o amor no século XXI"

7 de Marzo de 2019
por: TM

A Casa das Mulleres Xohana Torres acolle este xoves 7 de marzo, a partir das 19:30 horas, a primeira das cinco conversas que terán lugar no espazo co gallo do Día Internacional das Mulleres. Esta mesa redonda, que leva por nome "Pensar o amor no século XXI", será conducida pola concelleira de Igualdade, Marta Lois e nela participarán Chis Oliveira, catedrática de Filosofía xubilada e Amada Traba, profesora de Ciencias da Educación en Vigo, autoras do libro ám@me (Galaxia, 2018).

O seguinte acto será o venres 15 de marzo coa proxección do documental Concha Castroviejo. Arelas de liberdade, que será presentado pola concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Concha Fernández, e que contará coa participación de Aurora Marco, escritora e profesora xubilada da USC, e de Nanina Santos, da equipa de redacción de Andaina (Revista Galega de Pensamento Feminista) e sobriña de Concha Castroviejo.

O venres 22 de marzo será a quenda da presentación do libro Feminicidio, de Carme Adán, nun acto que contará coa presenza da escritora e catedrática de filosofía, así como de Natalia Paleo, profesora de Ciencia Política da USC e experta en xénero. O seguinte venres, 29 de marzo, chega a conversa con Brigitte Vasallo, escritora, formadora, activista LGTB e feminista. A encargada de presentala será María Reimóndez, escritora, tradutora, intérprete e activista. Para esta actividade as prazas son limitadas e é preciso inscribirse en territoriodasmulleres@gmail.com.

O ciclo remata o venres 5 de abril coa mesa redonda "Sufrajitsu. A autodefensa na historia do movemento feminista". Este acto preséntao Noa Morales, concelleira de Mocidade e Deporte e contará coa intervención de Antía Pérez Caramés, profesora na Facultade de Socioloxía da UDC, e de Cristina López Villar, profesora na Facultade de Ciencias do Deporte da UDC.