Chega a campaña “En negro contra as violencias”

13 de Novembro de 2017
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

Chega a terceira edición de Compostela en Negro, que dende o ano pasado leva por nome Galicia en Negro, co gallo de integrar ás tres deputacións e aos máis de setenta concellos adheridos que tamén se vestirán de loito a semana do 25 de novembro.

Do 23 ao 26 de novembro, case 3.000 establecementos galegos e arredor de 500 composteláns tinguirán de negro os seus escaparates como xeito de amosar a nosa repulsa ás violencias machistas. Mais este ano cómpre tamén destacar a implicación doutras entidades como os institutos da cidade, que poñerán unha pancarta e contarán cunha unidade didáctica e nos que o día 21 haberá dúas charlas a cargo do Comando Igualdade, un grupo de rapaces e rapazas feministas. Nesta edición ademais únense a Compostela en Negro firmas como Inditex, El Corte Inglés ou Gadisa, que levarán o negro aos seus centros e tendas de toda Galicia. O voluntariado da USC participará novamente nas tarefas de reparto de material nos puntos de distribución habilitados.

Precisamente, a distribución é unha das novidades deste ano. Haberá catro lugares onde os comercios poden recoller o material para usar os días da campaña. Son a Casa das Mulleres "Xohana Torres", o Matadoiro e os CSC do Ensanche e das Fontiñas. Outra das principais novidades  é a participación da veciñanza: está previsto enviar unha postal a cada casa para informar sobre esta campaña e convidar a todo o mundo a que se implique, animando a veciñas e veciños a prender das ventás bandeiras de roupa negra para ser altofalantes da campaña e comprometerse a facer dos seus fogares espazos libres de violencia. Todo o material pode recollerse nos catro puntos de distribución habilitados.

“En negro contra as violencias” traspasou os límites municipais na edición do ano pasado. Se no 2016 foron 17 os Concellos adheridos a Compostela en Negro, nesta terceira edición a cifra ascende a 72. Ademais tamén se quixeron sumar as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. Con todas elas está previsto asinar un protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña, co obxectivo común da loita contra as violencias machistas, independentemente do territorio ou da cor política.

A acción apoiarase tamén a través de internet e no mundo virtual a través do emprego da imaxe da campaña para vestir de negro os perfís sociais, webs, cabeceiras dos medios de comunicación, etc. que se pode descargar en diferentes formatos da páxina oficial.

Para coñecer máis sobre a acción conxunta, pódese visitar a web ennegrocontraasviolencias.gal, onde se atopa o mapa da campaña En negro contra as violencias, e escribir a compostela25n@gmail.com para incorporar os establecementos ou entidades ao mapa de Compostela en Negro. Para participar, só hai que acudir aos puntos onde se repartirá o material do 16 ao 22 de novembro, e usalo nos escaparates, fachadas, ventás ou balcóns.