• Rolda de prensa da concelleira de Igualdade, Noa Díaz, e do concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte
  • Lúa Mosqueteira
  • Papaya
  • Dj Russinha
  • Deseño do PUNTO LILA

A Praza do Toural contará cun Punto Lila de Información para a prevención de violencias sexuais durante as Festas do Apóstolo

18 de Julio de 2019
por: TM

Complementarias ao programa para as Festas do Apóstolo deste ano, este ano haberá tres accións de Igualdade organizadas desde a Concellaría de Turismo e a Concellaría de Igualdade, que se desenvolverán durante os días máis intensos de xullo, tal e como anunciaron hoxe os concelleiros de Igualdade e de Turismo, Noa Díaz e Sindo Guinarte.

A primeira acción é a decoración da Praza 8 de Marzo cunha iluminación deseñada para amosar o compromiso de Santiago coa Igualdade, que se poderá ver do 19 ao 31 de xullo, coincidindo coas datas das Festas do Apóstolo, dende as nove da noite ata as tres da mañá. A iluminación xeral da praza será en cor lila, incidindo especialmente sobre as árbores. O arco de Entrerrúas iluminarase a contraluz, creando un feixe de luz amarela cara á praza, lembrándonos á chegada do Camiño Francés á zona. Ademais cambiaráselle as lámpadas ás luminarias existentes por unhas que proporcionen cor amarelo, simbolizando así un campo de estrelas. Finalmente, proxectarase no chan da zona central da praza o símbolo do Obxectivo de Igualdade incluído nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 das Nacións Unidas.

A segunda acción é a instalación na Praza do Toural dun Punto Lila de información, sensibilización e acompañamento para a prevención sobre violencias sexuais, que estará aberto do 20 ata o 31 de xullo, facendo coincidir os seus horarios de apertura cos de celebración de eventos, de 12.00 a 13.30 e de 21.00 a 1.30. Esta iniciativa, como en anteriores ocasións, ten dous obxectivos: por unha banda, sensibilizar e lembrar á cidadanía que nas festas a igualdade e o respecto deben sempre estar garantidos e, por outra, ofrecer información, acompañamento e primeira atención a calquera muller que poida vivir un episodio de violencia machista durante as festas do Apóstolo.

A coordinación do funcionamento do Punto Lila corre a cargo do Centro de Información ás Mulleres de Compostela, que conta co soporte dun equipo de seis psicólogas especialistas en prevención e intervención en violencia de xénero e co apoio puntual do persoal de Turismo de Santiago para garantir a atención en idiomas.

Finalmente, a Praza 8 de Marzo acollerá o día 29 a partir das 21.00 de xullo o concerto gratuíto TM Pola Igualdade co que se pretende dar a máxima visibilidade á reivindicación da igualdade nun momento de máxima afluencia en Santiago. As artistas que participan neste concerto son todas mulleres que teñen amosado a súa vinculación cos movementos en prol da igualdade: Lúa Mosquetera, DJ Russinha e Papaya.

Estas accións están organizadas por Turismo de Santiago e o departamento municipal de Igualdade ao abeiro dun convenio entre a Xunta, Abanca e Turismo de Santiago para a promoción das Festas do Apóstolo en tanto que Festas de Interese Turístico Internacional.